Noticias

A Deputación levará en marzo as súas propostas culturais a Ribadumia, Lalín e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Exposicións sobre o cómic galego, os pazos da provincia e as mulleres galegas conforman as propostas que se desenvolverán en espazos públicos durante este mes


28 febreiro 2020

A Deputación de Pontevedra levará a súa programación cultural neste mes de marzo aos concellos de Ribadumia e Lalín con varias propostas expositivas e participará dentro do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que se vai organizar en Pontevedra entre o 6 e o 27 de marzo cunha mostra sobre o cómic galego. Todas estas actividades desenvolveranse en espazos públicos e estarán dirixidas a todo tipo de audiencias.

Máis polo miúdo, as actividades comezarán o próximo venres 6 de marzo co inicio de "Mulleres galegas na historia", unha exposición que permanecerá no Auditorio Municipal de Ribadumia ata o 31 de marzo. A inauguración da mostra, que se poderá visitar unha hora antes das actuacións programadas no auditorio ou tamén por grupos (previa cita nas dependencias municipais), será ás 11.30 horas. Nesta exposición homenaxéanse dezaseis mulleres que marcaron a historia de Galicia. A través da mostra repásanse as vidas e traxectorias de María Balteira, Inés de Castro, María Castaña, María Pita, María Soliña, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato, a Bella Otero, Ernestina Otero, Maruja Mallo, Enriqueta Otero, María Antonia Dans, María Casares, Xela Arias e Julia Minguillón.

Tamén o día 6 terá lugar o comezo de "Unha ollada ao cómic galego", exposición inserida na programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Así, a Deputación de Pontevedra participa na vixésimo primeira edición da cita literaria, que terá lugar no Pazo da Cultura entre o 6 e o 27 de marzo e cuxa temática principal será o humor. A proposta da entidade provincial presentará unha panorámica histórica da banda deseñada de Galicia, partindo do mesmo Castelao e acadando as propostas máis actuais. Farase especial fincapé en referentes artísticos coma Reimundo Patiño e Xaquín Marín e en publicacións coma as revistas de cómic para persoas adultas e os fanzines dos anos 80, todo para que as e os espectadores percorran a pegada que tivo o cómic en Galicia.

O horario habitual de visita ao salón será de luns a xoves, de 17 a 20 horas; os venres, de 17 a 20.30 horas; e os sábados, domingos e os días 19 e 20 de marzo, de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. Ademais, o domingo 8 de marzo, ás 11.30 horas, terá lugar unha visita guiada pola exposición dirixida por Octavio Beares, comisario da mostra, con prazas limitadas.

Por último, o 18 de marzo, ás 20.30 horas, o Pazo de Liñares acollerá a inauguración da exposición "Pazos de Pontevedra. Alí onde se detivo o tempo", cuxo horario habitual de visita será de martes a domingo, de 11.00 a 20.30 horas, e que rematará o 19 de abril. A mostra está especialmente orientada ao público familiar, posto que as e os asistentes poderán percorrer a historia dos pazos que forman parte do noso patrimonio a través da vista, o tacto e o olfacto. Ademais, este proxecto está dividido en 9 áreas que irán amosando distintos aspectos da vida palaciana cun fío condutor invisible, o cheiro a herba cortada, metáfora do seu carácter eminentemente agrario.