Noticias

A Deputación de Pontevedra leva un programa de contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos' do Miño ás escolas da raia

Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui gozará dos espectáculos grazas á iniciativa de recuperación do patrimonio do Smart Miño


20 xaneiro 2021
Polo correo do vento

A Deputación de Pontevedra, a través do Departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, comezará a vindeira semana un programa contacontos sobre os "Tesouros humanos vivos" do Miño dirixido ás escolas da raia. Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui gozará de varios espectáculos infantís ao abeiro da iniciativa de recuperación do patrimonio no marco do programa Smart Miño.

O CEIP Antonio Carpintero de Arbo e o Manuel Sieiro de Crecente acollerán o martes 26 a primeira das actividade de contacontos realizadas por Polo Correo do Vento. O mércores continuará o itinerario no Colexio Padres Somascos da Guarda e no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal, e na vindeira semana a actividade chegará aos colexios das Neves, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui.

O programa de contacontos está enmarcado dentro da iniciativa "Tesouros humanos vivos", un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño que busca dar a coñecer entre a rapazada, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río.

Segundo asegura o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, os contacontos buscan chegar á cativada miñota e aumentar os seus coñecementos sobre a cultura e patrimonio da zona, xa que a identidade que antes se transmitía de pais a fillos está agora en perigo por falta de relevo xeracional e tamén pola forma de vida actual. "Non podemos permitir que todo ese patrimonio intanxible se perda. Hai que facer por manter ese saber nas familias e tamén nas escolas ", resaltou.

Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración, serán algúns dos asuntos que se aborden nestes contacontos ilustrados.

O colectivo Polo Correo do Vento será o encargado de realizar esta actividade mesturando a narración oral e a ilustración. Enrique Mauricio relatará distintas biografías dos tesouros humanos centrándose no lugar no que se realiza o contacontos ao tempo que Carlos Taboada realiza un mural relacionado coa historia.

O obxectivo da actividade é poñer en valor as biografías homenaxeadas e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que as nenas e nenos interaccionan co conto e co debuxo.

Esta iniciativa estaba previsto que se desenvolvese no curso pasado, sendo finalmente adiada debido a suspensión das clases por mor da pandemia da COVID-19. Retómanse agora estas actividades que se realizarán nas escolas na última semana de xaneiro e primeira de febreiro, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus. Estaba previsto ademais que os contacontos se achegaran a diferentes localidades portuguesas da raia, quedando pendente a súa realización para próximas datas.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto "Tesouros humanos vivos" do proxecto Smart Minho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

Para iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación Ponte... nas Ondas! que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego-portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os 99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de todo o mundo no canal de youtube do smartminho así como nas diferentes redes sociais do proxecto para garantir a súa divulgación e transmisión.

Na mesma liña está prevista a edición dun libro infantil neste primeiro trimestre do ano para promover este coñecemento.