Noticias

A Deputación de Pontevedra leva o saneamento a unha ducia de lugares de Valga e financia a pavimentación de máis de 15 km de camiños municipais

Os cinco grandes proxectos de saneamento acometidos nos últimos anos supoñen xa un investimento acumulado de 1,5 millóns de euros


17 decembro 2020
Visita obras Plan Concellos Valga

A veciñanza do rural de Valga goza de novas redes de saneamento e accesos mellorados gracias ao investimento conxunto de preto de 635.000 euros por parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Os deputados provinciais Gregorio Agís e Manuel González visitaron as obras acompañados do tenente de alcalde, Román Castro.

As obras de saneamento, cun custo de 335.000 euros, habilitaron diversos ramais que totalizan case 3 Km de canalizacións nos núcleos de Balleas-Socastro, Outeiriño-Baño-Carballiño-Sixto, Chenlo-Ponte Valga, Raxoi, Bronllo-Cernadas e Vilar-Cernadas. Ao mesmo tempo construíronse dúas novas minidepuradoras de augas residuais en Cernadas, con capacidade para 450 habitantes e Raxoi, con capacidade para outros 200. A maiores, realizáronse as pavimentacións de 15 Km camiños rurais en Campaña, Montiño, Tarroeira, Parafita, Louro-Senín, Areal-Outeiro, Casal de Eirigo, Outeiro, A Devesa, O Coto, Cedelo, Fontelo, Cimadevila, Casa de Amil, Baño, O Carballiño, Castiñeiras e Moldes-Vilarello, no Forno, por un importe doutros 300.000 euros. Ámbalas dúas actuacións foron executadas pola empresa Covsa.

Gregorio Agís, deputado de Infraestruturas, destacou o apoio constante da Deputación ao Concello de Valga "dando resposta ás necesidades da veciñanza". Tras poñer en valor a estrea dun saneamento e unhas pavimentacións que fan chegar estes servizos a unha parte significativa do concello destacou que a vontade institucional é "seguir colaborando". Deste xeito, lembrou que hai dúas obras nas estradas provinciais que agardan pola cesión de terreos por parte do Concello, como son a ampliación e drenaxe da EP-8504 (Forno-Cernadas) e a mellora da seguridade viaria na EP-8501 (Valga-Martores), unhas actuacións valoradas conxuntamente en case 575.000 euros. O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Urbanismo, Román Castro, ofreceu "colaboración total" coa Deputación e destacou que estas dúas obras afectan a "importantes vías de comunicación", polo que confía en que as cesións "vaian para adiante". "Estamos rematando o tema", concluíu.

O tenente de alcalde tamén destacou a mellora que están a supoñer as obras de saneamento que impulsa a Deputación nun concello moi rural, con amplas distancias entre os núcleos de poboación, polo que, explicou, a solución a base de pequenas depuradoras resulta moi funcional.

Gregorio Agís lembrou que coas obras obxecto da visita de hoxe, a Deputación culmina o quinto proxecto de saneamento en Valga, onde van investidos en torno a 1,5 millóns de euros tan só en saneamentos desde o arranque do Plan Concellos no ano 2016. Deste xeito, dotouse deste servizo aos núcleos de Casal de Eirigo, Meadela, Canle, Cotriños, Carracido, Martores e Seixa, así como diversos colectores xerais do concello de Valga. Outro tanto comentou a propósito das obras de pavimentacións de camiños rurais, aspecto no que a Deputación xa acometeu obras cun importe acumulado de 750.000 euros na localidade.

Máis de 6 millóns de euros investidos en Valga

En total, a Deputación de Pontevedra leva investidos preto de 6 millóns de euros no Concello de Valga desde o ano 2015. Con cargo ao Plan Concellos, este mesmo ano está a xestionar 553.533 euros. Este plan permitiu a execución de 13 obras. A maiores, o departamento provincial de Infraestruturas realizou obras por valor de 1,7 millóns de euros nas estradas provinciais ao seu paso por Valga. A última actuación, cun importe próximo aos 150.000 euros, foi a drenaxe transversal na EP-8501 Valga-Martores, unha das dúas vías que se pretende ampliar e que está pendente por mor da cesión dos terreos afectados.