Noticias

A Deputación leva a Suecia o modelo de mobilidade de Pontevedra e a súa provincia

O vicepresidente, César Mosquera, participará como relator principal no encontro Mobilidade e Comportamento e reunirase coa ministra de Medio Ambiente, Karolina Skog


14 marzo 2018
Grona Bilister

A Deputación de Pontevedra vai levar a Suecia o modelo de mobilidade de Pontevedra e a súa provincia baseado en priorizar o espazo público para as persoas. Así o manifestou hoxe o vicepresidente, César Mosquera, quen confirmou que na súa viaxe se reunirá coa Ministra de Medio Ambiente sueca Karolina Skog, con alcaldes e concelleiros de Estocolmo e Eskilstuna, e participará como relator principal no encontro Mobilidade e Comportamento organizado pola asociación Gröna Bilister.

Mosquera explicou que o congreso, destinado a concellos e persoal técnico especialista en modelos urbanos, cumpre este ano a súa terceira edición e celebrarase na cidade de Eskilstuna. Nela falarán relatores de diferentes universidades e institutos de investigación de todo o país, ademais de representantes das municipalidades e consellos dos condados. Cada ano a organización convida tamén a un representante dun país internacional considerado exemplo de boas prácticas no eido da mobilidade, o ano pasado foi Dale Bracewell, o xerente do Plan de Transportes de Vancouver (Canadá), unha cidade da costa do Pacífico que está traballando desde hai anos en mellorar a mobilidade urbana e que é "extraordinariamente significativa", en palabras de Mosquera.

Suecia é o país con mellores cifras de sinistralidade viaria de todo o mundo xunto a Países Baixos, Reino Unido, Suíza ou Dinamarca, segundo os datos oficiais relativos tanto á redución de defuncións porcentuais por millón de habitantes (2013-1980) como ao número de mortos por millón de habitantes. No ano 1997, despois de anos de incluír na axenda política o traballo para eliminar a violencia viaria, o goberno sueco aprobou unha lei de "visión zero" co obxectivo de acadar cero mortos e cero feridos graves nun horizonte temporal próximo; unha meta que non se acadou pero que fixo reducir as cifras de falecidos significativamente. "Para nós falar en Suecia é un verdadeiro orgullo porque son o top do mundo neste eido. Nós aprendemos deles cousas como que non hai que ir a máis de 30 quilómetros hora cando hai confluencia de coches e peóns. Iso todo vén de Suecia, polo que é unha sorpresa agradable que nos consideren referente de boas prácticas en materia de mobilidade cando eles foron os pioneiros das políticas de ‘visión zero' en relación á sinistralidade", dixo Mosquera.

O vicepresidente destacou que agarda coñecer a vía pola que os organizadores souberon do traballo que se está a facer en Pontevedra capital e que se está a estender polo resto da provincia. "Están documentados sobre nós. Supoñemos que polos vídeos, por documentación e reportaxes que se manexan. Tamén coñecían a páxina web da Deputación e saben que tanto no concello como desde aquí estamos a traballar no obxectivo dunha mobilidade sustentable. De feito pediron que acudísemos ou o alcalde de Pontevedra ou eu como vicepresidente provincial", destacou o nacionalista, quen aclarou que no nome do Concello da capital estará presente o enxeñeiro municipal Jesús Gómez Viñas.

En canto ao discurso, Mosquera destacou que o fito básico a expoñer na conferencia será o modelo Pontevedra, pero tamén as políticas activas que está a impulsar a Deputación en pro da seguranza viaria e da correcta mobilidade peonil nos espazos públicos, en concreto centrándose no Plan de movilidade e velocidade segura (Plan MOVESE), que promove o calmado de tráfico para fomentar a seguranza viaria das persoas usuarias das vías provinciais.

Ademais de participar como relator principal do encontro Mobilidade e Comportamento, o vicepresidente Mosquera tamén manterá encontros nos días anterior e posterior coa ministra sueca de Medio Ambiente, Karolina Skog, co vicealcalde de Estocolmo, Daniel Helldén, co exalcalde de Estocolmo, Per Ankersjö (agora membro dunha consultora que traballa para a Unión Europea en materia de mobilidade), con representantes da kommun de Eskilstuna e coa directiva da asociación, Gröna Bilister, entre outros.

Encontro internacional de cidades das nenas e dos nenos de Tonucci en Huesca

Por outra parte, o vicepresidente Mosquera sinalou que a vindeira semana, durante os días 21 e 22, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, acompañado doutros membros do goberno provincial e de concellos da provincia, tamén acudirá a Huesca ao III Encontro Estatal de Cidades dos Nenos e das Nenas organizado polo Laboratorio Internacional do proxecto do CNR de Roma dirixido por Francesco Tonucci.

Neste encontro a Deputación sufragaralles o custe de transporte aos representantes de concellos adheridos á rede internacional na provincia que manifestaron o seu interese en asistir (Pontevedra, Tomiño, Ponteareas, Cambados, O Grove, A Guarda, Salceda de Caselas, Lalín e Ribadumia).

No encontro haberá varios grupos de traballo e debate sobre o xogo libre, a escola, a participación das conselleiras e conselleiros escolares na política pública, a investigación sobre participación infantil ou os consellos escolares; visitas guiadas a espazos transformados na cidade de Huesca con participación infantil; ademais do relatorio "A transversalidade do proxecto da cidade dos nenos e as nenas nas políticas públicas" a cargo de Francesco Tonucci, e unha mesa redonda na que falarán Chiara Belingardi (urbanismo), Carlos Pardo (saúde), Daniel Macenlle (mobilidade), Francisco Bergua (medio ambiente) e Mar Romera (escola).

Finalmente, haberá unha conferencia aberta ao público de Francesco Tonucci: "A autonomía dos nenos, un dereito e necesidade para eles e un recurso para a escola e a cidade".