Noticias

A Deputación de Pontevedra leva a Pazos de Borbén a película ‘Visións' do proxecto "Cinema e muller"

A través desta película colaborativa o Goberno de Carmela Silva quere visibilizar as creadoras do audiovisual da provincia de Pontevedra


04 febreiro 2017
cinema e muller

Este luns 6 de febreiro, ás 16:00 horas, o salón de actos do Concello de Pazos de Borbén acolle a proxección da película colaborativa Visións, enmarcada no proxecto da Deputación de Pontevedra "Cinema e muller", que ten por obxectivo visibilizar as creadoras do audiovisual da provincia, fomentando unha maior participación das mulleres na creación da cultura e da arte.

Visións trátase dunha película na que participan activamente dez mulleres cineastas da provincia de Pontevedra. Son dez olladas nas que cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica, centrada en cuestións relacionadas co xénero. Así, a película aborda desde a intimidade da creación e a construción da corporeidade da natureza, ata berros, o corpo feminino, o día a día dunha creadora audiovisual, a dificultade de conciliar, así como a relación entre a casa e a muller ou entre xeracións de mulleres dunha mesma familia.

Nesta película colaborativa, promovida pola Deputación de Pontevedra, participan Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla. Visións, realizada en dous meses, inclúe dez minicurtas, nas que as directoras fixeron tamén de cámaras e de montadoras, e realizaron a película de principio a fin, coas súas propias mans, cun axustado orzamento como exemplo do cinema que practican.

O proxecto "Cinema e muller", que impulsou a posta en marcha da película Visións, trátase dunha aposta por dar visibilidade ao traballo das máis de setenta mulleres que se dedican ao mundo audiovisual da provincia de Pontevedra, ben como cineastas, ben como editoras, produtoras ou guionistas.