Noticias

A Deputación leva a Barro a exposición sobre as bandas da provincia no marco do programa do Ano Castelao

A Banda Xuvenil de Barro achega a esta exposición dúas vitrinas con numerosos premios e trofeos que dan conta do éxito da súa traxectoria


20 mai 2016

A mostra 'Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia' xa pode visitarse na Sala de Exposicións do andar superior da Casa do Concello de Barro. Esta exposición inclúese no programa de actividades culturais do Ano Castelao da Deputación, para por en valor a riqueza cultural destas agrupacións musicais e, en particular, as dos concellos nas que se expón. O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, acompañado pola deputada Eva Vilaverde visitou esta mañá a mostra onde felicitou ás dúas bandas de música deste concello pola súa labor e traxectoria, e moi especialmente á Banda Xuvenil da que asegurou que "é unha das máis solicitadas a través do Pontegal". Os deputados provinciais estiveron acompañados na visita polo rexedor da localidade, Xosé Manuel Fernández Abraldes, polo primeiro tenente de alcalde, José Sanmartín, polo concelleiro de Cultura, Roberto Rivas, pola concelleira de Servizos Sociais, María Amelia Cancela, polo director da Banda Xuvenil, Alberto Busto, e polo director da Escola de Música, Manuel Fariña.

Xosé Leal sinalou que "cando se pensou, no marco do programa do Ano Castelao, seguir levando esta exposición pola provincia, un dos primeiros sitios nos que pensei foi neste concello porque xa era coñecedor da proxección da Banda Xuvenil de Barro". O deputado provincial asegurou que a traxectoria e a sona desta Banda Xuvenil "converte a Barro nun sitio de referencia para esta mostra". Leal lembrou que "o que ten de especial esta exposición é o espazo que se habilita dentro da mesma para amosar pezas e material das bandas da localidade". Neste sentido, a Banda Xuvenil de Barro conta na mostra con dúas vitrinas con material propio, composto basicamente por trofeos e premios que dan conta da boa marcha e do éxito desta agrupación musical.

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, agradeceu á Deputación que levase a mostra á localidade e tamén fixo fincapé na labor da Banda Xuvenil " que non só leva anos acadando premios por todo o país, por todo o Estado, e tamén con proxección internacional, senón que tamén leva anos exportando músicos fóra do noso concello". O rexedor asegurou que "é un orgullo contar cun proxecto como o da Banda Xuvenil" e salientou o valor "do traballo das familias, de  pais e nais que foron capaces de montar una entidade coma esta que transmite aos a rapaces e rapaces, aos que se forman agora pero tamén aos que xa se formaron, a paixón pola música e pola tradición cultural".

A exposición 'Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia' incluíuse no programa de actividades culturais que o departamento provincial de Cultura e Lingua está levando por todos os concellos da provincia no marco do Ano Castelao. Deste xeito, achéganse aos concellos unha serie de actividades relacionadas coas distintas disciplinas artísticas que o propio Castelao desenvolveu ao longo de toda a súa vida. Nesta ocasión, o que se quere poñer en valor é o papel de Castelao na preservación, protección e divulgación do patrimonio musical a través da súa participación na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Hai que ter en conta a particularidade de que Pontevedra é a segunda provincia do Estado español con maior número de bandas, por detrás de Valencia. Concretamente a mostra recolle a historia de 70 bandas repartidas polos 62 concellos, e a maioría delas nacidas en contornas rurais. "As bandas teñen un significado que vai máis aló da propia disciplina musical, son un expoñente de asociacións culturais que permanecen no tempo e que sempre funcionaron como embaixadoras dos concellos, e mesmo das parroquias nas que nacen" afirmou Xosé Leal.

A exposición 'Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia' pode visitarse na Sala de Exposicións do andar superior da Casa do Concello de Barro ata o vindeiro 10 de xuño. O horario de visita é de luns a venres entre as 10 e as 14 horas, e os luns pola tarde entre as 17 e as 20 horas.


Novas relacionadas