Noticias

A Deputación leva a A Estrada dúas actividades de memoria histórica da man da asociación Cultural Vagalumes

Este domingo representarase a peza teatral ‘A señora de Forcadela' no Teatro Principal e o vindeiro venres haberá un obradoiro de música represaliada con Xurxo Souto no MOME


10 decembro 2021
Actividades de memoria da Estrada

A Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir', vai levar ao Concello da Estrada dúas actividades sobre memoria histórica da man da Asociación Cultural Vagalume. O departamento dirixido pola nacionalista María Ortega financiará a escenificación da peza teatral ‘A señora de Forcadela' a cargo de ‘Os Quinquilláns' e o desenvolvemento dun obradoiro de música represaliada da man de Xurxo Souto.

As actividades que a Deputación leva a A Estrada están dispoñibles no catálogo de actos de memoria de 'O Pasado Por Vir' (na web  arquivos.depo.gal) , e poden ser solicitadas por todas as asociacións memorialistas e concellos da provincia co obxectivo de situar a memoria histórica na axenda cultural e no debate público. Neste caso foi a Asociación Cultural Vagalumes a que se interesou pola súa celebración.

No caso de A Estrada, os actos comezarán este domingo 12 de decembro ás 19 horas, no Teatro Principal, coa representación de ‘A señora de Forcadela', unha historia baseada na biografía de Josefa García Segret e doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36. Será representada pola compañía teatral ‘Os Quinquilláns', contando no elenco con Tero Rodríguez e Lucho Penabade.

O venres 17 de decembro, ás 20.30 horas no MOME, terá lugar o obradoiro de música represaliada de Xurxo Souto que pretende servir para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a ditadura franquista segue a definir o presente. Buscarase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado do 36 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión.

Fotos