Noticias

#COVID-19 A Deputación lanza unha chea de iniciativas en liña para encher o confinamento de cultura e de coñecemento da provincia

Ao abeiro do Día do Libro, convídase a cidadanía a converter abril no mes da cultura cunha viaxe literaria arredor do mundo para compartir e gozar dos libros


02 abril 2020
Mes da cultura na provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra comeza este mes de abril cunha chea de iniciativas culturais e turísticas en liña para compartir e gozar da arte, da literatura e do coñecemento da provincia. Así, ao través da web institucional, www.depo.gal, e a de Turismo Rías Baixas, www.turismoriasbaixas.gal, convídase a maiores, nenas e nenos a que aproveiten desde casa este tempo de confinamento para coñecer un pouco mellor as marabillas que se poden atopar no destino Rías Baixas.

Así, en canto á cultura, e consciente do papel estratéxico que os libros e a creación artística en xeral están xogando durante o confinamento, a institución provincial pon en marcha todo un paquete de propostas para compartir e impulsar a lectura nos fogares da provincia durante as próximas semanas.

Ao abeiro do Día Internacional do Libro, que terá lugar o día 23, a viaxe cultural interactiva se desenvolverá durante todo o mes. Deste xeito, a institución convida a cidadanía a participar nun percorrido literario a través de seis grandes obras da literatura universal. Por medio dun mapa virtual farase parada en autoras e autores de referencia coma Gabriel García Márquez, Harper Lee ou Mariama Bâ. Ademais, escritoras e escritores contemporáneos tamén compartirán coa cidadanía os seus libros de referencia.

Como destaca a presidenta Carmela Silva, "o mellor da cultura é compartila, e son días propicios para aprender coa xenerosidade das nosas veciñas e veciños e coñecer mellor a provincia de Pontevedra a través das paisaxes que inspiraron durante séculos a autoras e autores coma Xulio Verne, Emilia Pardo Bazán, María Vinyals, Valle-Inclán ou Ramón Cabanillas". "Entre todos e todas convertiremos este mes de abril no mes da cultura en Pontevedra", afirmou. A Deputación de Pontevedra quere brindar recomendacións de lectura para paliar o illamento e, tamén, apoiar as autoras e autores e darlles voz aos milleiros de lectores e lectoras na provincia. Así, para o Día do Libro, a institución lanzará unha etiqueta nas redes sociais corporativas para animar a cidadanía a compartir as mellores citas dos seus libros de cabeceira.

A Deputación, que esta semana celebrou o Día das Artes, ten tamén colgada na súa web a información sobre o arquitecto galego do Barroco homenaxeado este ano, Domingo Antonio de Andrade, e prevé, para cando remate o confinamento, realizar unhas rutas de arquitectura en colaboración coa Academia Galega de Belas Artes. Son visitas comentadas que tratan de introducir e sensibilizar sobre a importancia do Barroco na provincia, cuns percorridos que implicarán grandes referentes.

Ademais, no Museo de Pontevedra elaborouse unha programación de visitas virtuais para amenizar a situación de confinamento e, ao mesmo tempo, promocionar e poñer en valor un dos recursos culturais máis importantes de Galicia.

Promoción turística

En canto ás iniciativas relacionadas coa promoción turística, a institución provincial ten en marcha, na web e nas redes sociais de Turismo Rías Baixas, unha campaña en liña baixo a etiqueta #21Days21Destinations desde a que está a difundir e compartir con grande éxito as marabillas da provincia de Pontevedra, seguindo a etiqueta da campaña mundial que naceu a través dunha blogueira kenyana.

Ademais, seguindo as pautas da Organización Mundial do Turismo, a Deputación ultima un vídeo promocional arredor da idea de "quedarse na casa para viaxar mañá" para poñer en valor os recursos culturais e paisaxísticos da provincia e recoñecer o compromiso e sacrificio das e dos profesionais do sector turístico.

Por último, na web de Turismo Rías Baixas ideouse un divertido xogo de preguntas, tanto en galego coma en castelán, co que se pretende que a veciñanza e as e os viaxeiros poidan ampliar ou comprobar o seus coñecementos sobre as Rías Baixas. Ata 30 preguntas conforman o divertido desafío "As Rías Baixas na casa", unha proposta lúdica para facer máis levadío o confinamento á vez que se promociona o destino. O xogo divídese en tres probas de dez preguntas cada unha, todas elas ilustradas con imaxes.