Noticias

A Deputación de Pontevedra lanza un libro pioneiro sobre a historia do castelo de Soutomaior desde a súa orixe ata a actualidade

"O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias", do historiador Diego Piay, presenta documentos, planos, fotos e imaxes inéditas e descoñecidas ata a data


28 outubro 2020
Libro Castelo Soutomaior

A Deputación de Pontevedra e a editorial Alvarellos lanzan un libro pioneiro sobre a historia do castelo de Soutomaior, desde a súa orixe ata a actualidade, que xa está á venda en librerías de Galicia, Madrid e Barcelona e que pode consultarse en galego, castelán e inglés. O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias, do historiador e arqueólogo Diego Piay, presenta documentos, planos, fotos e imaxes inéditas e descoñecidas ata a data, e inclúe na contraportada un gravado de Carmen Babiano Méndez-Núñez. Aínda quen non é o primeiro libro sobre a historia do castelo, porque este foi escrito por María Vinyals en 1904, si se trata do único que recolle a evolución do castelo ata hoxe e emprega todas as fontes de investigación dispoñibles na súa elaboración.

O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias, que tamén se pode mercar no propio castelo de Soutomaior, traza un percorrido polo recinto histórico desde o século XII ata a actualidade, acompañado de máis dun cento de fotografías e documentos, como ilustracións e planos, moitos deles inéditos. Trátase dunha obra ilustrada que está enriquecida con anécdotas e informacións tamén descoñecidas ata hoxe e que o converten en pioneiro ao empregar todas as fontes dispoñibles (hemerotecas, bibliografía e mesmo fontes orais) para reconstruír a historia. Deste xeito o exemplar ofrece un documento completo que permite ás persoas que se queren achegar ao castelo dispoñer da ampla historia que os seus muros encerran.

Ademais da evolución histórica do castelo de Soutomaior, a través deste volume pódese afondar en cuestións como a "historia da pantasma", "as portas da capela", o cadro de Sorolla de San Jorge e o Dragón ou sobre o tempo no que Alberto Dopazo ou Eugenio Carlos e Hostos y Ayala foron os seus propietarios. Tamén percorre historias relacionadas con visitantes ilustres que acudiron á fortaleza e que situaron ao castelo como centro político e cultural nos séculos XIX e XX.

O autor da publicación, Diego Piay, é licenciado en Historia coas especialidades de Arqueoloxía e Historia Antiga. Exerce como profesor de Historia Antiga na Universidade de Oviedo e conta cunha experiencia de máis de 20 anos de arqueólogo, dirixindo intervencións en Pompeia ou Piazza Armerina. Piay é tamén autor de libros como Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio Cristiano e María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas á sombra dun castelo, tamén promovido pola Deputación de Pontevedra.


Novas relacionadas