Noticias

A Deputación lanza "Trazas de Pontevedra" unha aposta pola dixitalización dos castros para subliñar a súa riqueza arqueolóxica

Trátase da última fase do programa de posta en valor dos xacementos que a institución provincial ven desenvolvendo co Ministerio de Fomento


17 setembro 2021

A Deputación de Pontevedra desenvolverá nos castros da provincia a última fase do programa que ven desenvolvendo co Ministerio de Fomento na aposta pola riqueza arqueolóxica, un dos patrimonios culturais máis potentes que temos na provincia. Co proxecto Trazas de Pontevedra, dotado de 153.600 euros, darase un novo paso na dixitalización dos xacementos e no uso das novas tecnoloxías que se irán aplicando a medida que o Ministerio vaia musealizando os castros integrados neste proxecto.

Con "Trazas de Pontevedra" xeraranse diversos produtos dixitais como unidades didácticas para os e as escolares, material para guías de todo tipo (turístico, científico, familiar...), pezas audiovisuais para a promoción dos xacementos ou o deseño dun portal web que contribúa á posta en valor dos mesmos, que albergará información dos castros, recursos didácticos e datos de interese entre outras cuestións. Todos os contidos realizaranse en galego, castelán e inglés.

As accións teñen un prazo de execución de seis meses e comezarán nos primeiros xacementos musealizados como Toiriz en Silleda, Castro Alobre en Vilagarcía e A Subidá en Marín.