Noticias

A Deputación lanza novas accións formativas do proxecto "Labora 2020" en Pontevedra, Vigo, A Guarda, Cangas e Lalín

A inscrición para os tres novos itinerarios, destinado a mellorar a empregabilidade entre as persoas de colectivos máis vulnerables, está aberta na web provincial


03 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra pon en marcha entre este mes de outubro e novembro novas accións formativas presenciais e gratuítas no marco do proxecto "Labora 2020", que se desenvolverán nos concellos de Pontevedra, Vigo, A Guarda, Cangas e Lalín. Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está destinado á inserción das persoas máis vulnerables e ten por obxectivo mellorar a formación e a empregabilidade na provincia.

En concreto, o programa está dirixido a persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e que pertenzan a colectivos vulnerables (persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos non atendidos no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), persoas maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas ou comunidades marxinadas e outros colectivos desfavorecidos.

Este mes de outubro comeza o itinerario formativo de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, nos concellos de Pontevedra e Vigo. Trátase dunha acción de 632 horas e que permitirá ás persoas beneficiarias formarse para traballar como auxiliares de axuda a domicilio, asistentes de atención domiciliaria o como coidadores/as de persoas maiores con diversidade funcional ou persoas convalecentes no domicilio.

En Vigo desenvolverase tamén o itinerario Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, cun total de 482 horas de formación para as ocupacións de coidador/a de persoas con diversidade funcional e persoas dependentes en institucións. O terceiro dos itinerarios, de Docencia da Formación Profesional para o Emprego, terá lugar nos concellos de A Guarda, Cangas e Lalín, iniciarase en novembro e consta de 412 horas. A actividade permitirá ás persoas beneficiarias converterse en formador/a de FP non regrada e formador/a para o Emprego.

As inscricións nestas actividades deben realizarse a través da web da Deputación (https://www.depo.gal/labora-2020) e as persoas interesadas poden informarse tamén nos teléfonos 986 804 100 (extensión 40846) ou no correo electrónico labora2020@depo.es.