Noticias

A Deputación de Pontevedra lanza en menos dunha semana a liña para achegar o 1 % do seu Orzamento aos sectores afectados pola pandemia

O próximo venres o Pleno extraordinario aprobará un suplemento de crédito de máis de 1,6 millóns de euros que se achegará aos concellos para que xestionen as axudas


05 febreiro 2021
Presidenta durante a rolda de prensa

En 7 días –informou Carmela Silva- desde que se rompeu a negociación porque a Xunta non quixo acordar, esta Deputación ten xa todo preparado para achegar o 1 % do noso Orzamento aos sectores afectados pola pandemia". A presidenta asegurou que "nós si cumprimos cos nosos compromisos", e adiantou que o vindeiro venres, 12 de febreiro, aprobarase nun Pleno extraordinario o suplemento de crédito para destinar o 1 % do noso Orzamento, 1.640.000 euros, aos concellos para que xestionen as axudas que serán directas e finalistas para os sectores afectados. En total, sumando estes 1,6 millóns de euros e os 6 millóns que a Deputación xa habilitara a través da liña 1 do Plan Concellos, os municipios teñen a súa disposición máis de 7,6 millóns de euros para apoiar aos sectores que se viron obrigados a pechar ou afectados polas restricións impostas pola Xunta de Galicia.

O novo programa de axudas da Deputación de Pontevedra atende a criterios obxectivos, é áxil e tamén coherente, dando resposta inmediata aos compromisos adquiridos. "Pedíamos o 1 % do Orzamento e que os recursos fosen xestionados desde os concellos -asegurou Carmela Silva- e isto é o que imos aprobar este próximo venres". Ademais, os recursos van chegar "de xeito inmediato porque temos xa establecido a repartición, que atende ao criterio de poboación". Neste mesmo eido a presidenta informou que "ao día seguinte ao da publicación deste suplemento de crédito os concellos poderán xa solicitar os recursos e, para axilizar aínda máis o proceso, a Deputación adiantará as contías, achegándoas tras a simple presentación da solicitude de cada concello e sen agardar á xustificación". Ademais, engadiu a presidenta, "no caso de que algún concello decida complementar esta axuda directa e finalista aos sectores afectados con recursos do 20 % da liña 1, tamén adiantaremos esas contías de xeito inmediato".

Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar que as competencias en actividades económicas "son exclusivísimas da Xunta de Galicia que é a que ten que habilitar os recursos". A presidenta insistiu en que a Xunta recibiu 224 millóns de euros no 2020 do Goberno do Estado aos que se sumarán outros 441 que recibirá neste 2021: "onde están eses recursos? A que se van destinar?, preguntou, a Xunta ten capacidade sobrada para crear un verdadeiro plan de rescate para os sectores afectados pola pandemia". Porén, "en oito meses, desde que se declarou o estado de alarma en marzo e ata novembro, a Xunta de Galicia non fixo nada" lamentou, ao tempo que recordou as 7 cartas remitidas desde a institución provincial á Administración autonómica para reclamar unha reunión e facer fronte á situación. "Debería avergoñar á Xunta o feito de obrigar ao Clúster de Turismo a convocar ás Administracións para falar dun plan de rescate", asegurou a presidenta, quen tamén destacou a vontade do mundo local de aportar en todo momento o 1 % dos recursos "pese a non ter competencias nin recibir recursos extraordinarios". 

Carmela Silva recordou que o acordo entre a Xunta, a FEGAMP e as deputacións provinciais non foi posible porque "a Xunta se negou a aportar o 1 % do seu Orzamento e a que fosen os concellos os que xestionasen estas axudas, como así acontece co modelo Valencia que tanto defenden". Con respecto a este modelo, Silva detallou que conta cun Orzamento de 380 millóns de euros dos que só 160 son acordados entre a Generalitat, as deputacións e os concellos, mentres que os 220 restantes os achega directamente a Generalitat. "Nós defendemos este modelo, un modelo que en Galicia, por poboación, tería que contar con 250 millóns de euros". Fronte a esta contía, e atendendo á información que deron a coñecer as delegadas e os delegados da Xunta de Galicia nas provincias, a aportación da Administración autonómica suma "38 millóns de euros e non os 80 millóns dos que falan. Menten. Ademais, os 75 millóns de euros que vai aportar agora non foi decisión da Xunta, foi produto da presión das deputacións provinciais e da FEGAMP", rematou.

Audios

  • Audio