Noticias

A Deputación lanza a sexta edición dos premios Sofía Novoa, que recoñecen a perspectiva de xénero en traballos académicos

As solicitudes xa poden presentarse na sede da Deputación e o prazo de inscrición remata o 15 de outubro


03 outubro 2021

As e os alumnos que realizaran Traballos Fin de Grao ou Fin de Máster que integren a perspectiva de xénero teñen ata o 15 de outubro para presentarse á sexta edición dos Premios Sofía Novoa, impulsados pola Deputación de Pontevedra, galardóns que teñen como obxectivo que, dende o coñecemento, a investigación e o análise, se incorporen os principios de igualdade nos traballos académicos para avanzar en beneficio do progreso e benestar do conxunto da sociedade.

Ao igual que en edicións anteriores, este ano haberá un máximo de tres galardóns por categoría -dous premios e un accésit- que repartirán un total de 5.200 euros entre traballos realizados no curso pasado nos campus que a Universidade de Vigo ten na provincia. O alumnado interesado en participar na convocatoria deberá presentar as súas solicitudes a través da sede da Deputación (https://sede.depo.gal) e estas serán avaliadas de xeito anónimo por un xurado, que analizará aspectos como a calidade dos traballos, a relevancia e carácter innovador da súa temática e metodoloxía ou a aplicabilidade práctica das súas achegas.

Con esta convocatoria a Deputación tamén recoñece a figura de Sofía Novoa, unha muller silenciada pola historia pero cun grande compromiso coa cultura, especialmente ligada ao mundo da música. Esta viguesa foi unha pedagoga que loitou para que as mulleres puideran ocupar os espazos públicos e tamén unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior de moitas mulleres.