Noticias

A Deputación de Pontevedra lanza a segunda aceleradora do comercio "para dar un pulo máis potente ás PEMES de cara á dixitalización"

Un total de dez empresas poderán participar nesta iniciativa provincial, cuxo prazo de inscrición comeza hoxe e estará aberto ata o 7 de xuño


25 maio 2021
Carmela Silva Aceleradora de comercio

Co obxectivo de optimizar a competitividade e a eficiencia do comercio da provincia de Pontevedra, a Deputación acaba de poñer en marcha a segunda edición da aceleradora que permitirá a este sector mirar cara o futuro mediante a incorporación de novas tecnoloxías vinculadas ás actividades clave de cada negocio. En palabras da presidenta provincial esta iniciativa, que se desenvolverá entre o 15 de xuño e o 15 de outubro, lévase a cabo porque "é fundamental dar un pulo máis potente ás PEMES de cara á dixitalización". Con este proxecto liderado pola Deputación dez empresas terán unha formación "que lles permitirá introducirse de cheo e con todas as garantías nun novo mundo onde o comercio se fai de xeito dixital".

Aquelas empresas que estean interesadas en formar parte desta segunda aceleradora do comercio teñen de prazo ata as 19 horas do 7 de xuño para inscribirse a través do sitio web de "SmartPeme" (https://smartpeme.depo.gal/), posto que a aceleradora está impulsada por esta rede que a Deputación ten espallada por toda a provincia. A aceleradora está aberta a PEMES, persoas emprendedoras, empresarias e autónomas da provincia que desexen reorientar o seu comercio tradicional ou poñer en marcha a súa actividade en liña. Ademais, nela tamén se poderán levar a cabo novos proxectos e innovar en negocios xa existentes mediante sesións de formación conxunta e titorías personalizadas co equipo asesor de "SmartPeme".

A aceleradora levarase a cabo case na súa totalidade de xeito en liña á vez que se impartirán sesións formativas grupais de maneira presencial, tal e como anunciou a presidenta provincial. Nas sesións en liña establecerase a folla de ruta das empresas e realizarase un programa intensivo de titorías e sesións de traballo sobre imaxe dixital e competitividade. En canto ás sesións grupais afondarase no deseño con canvas, nas necesidades existentes para ter tenda en liña, na aposta pola sustentabilidade, na venda a través de redes sociais, en finanzas "para non financieiros/as" e darse información sobre axudas e subvencións.

O sector do comercio ten unha forte presenza na provincia de Pontevedra: segundo datos do Instituto Galego de Estadística hai 12.664 empresas que se dedican ao comercio na provincia e o 15 % son comercios minoristas. Ademais de ser un sector tan importante, foi un dos más afectados pola crise da COVID-19. Por este motivo, tras o parón sufrido durante o estado de alarma, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o pasado ano a primeira aceleradora do comercio para axudar ás e aos comerciantes, que amosaron a súa enorme satisfacción pola formación recibida e as melloras dos seus negocios a raíz de ter participado nesta iniciativa.

Programa aceleradora de empresas