Noticias

A Deputación lanza a campaña "Pontevedra Provincia na túa cesta" para promover o consumo de produtos da provincia

A acción pretende impulsar o produto de proximidade e revalorizar a materia prima da provincia, "segura e saudable", así como apoiar as persoas produtoras


04 maio 2020
Carmela Silva en rolda de prensa

Co obxectivo de promover que as veciñas e veciños da provincia de Pontevedra, e tamén do conxunto de Galicia, consuman produtos locais e de proximidade a Deputación de Pontevedra lanzará este martes, 5 de maio, a campaña "Pontevedra Provincia na túa cesta". A través desta iniciativa, que a presidenta Carmela Silva definiu como "un compromiso co consumo do local que facemos extensivo á veciñanza", preténdese impulsar o produto de proximidade e revalorizar a materia prima da provincia, "segura e saudable", así como apoiar as persoas produtoras. "Pontevedra provincia na túa cesta" complementarase a mediados de mes con outra acción promocional para impulsar o comercio local e contribuír á súa reconstrución.

Silva asegurou que con esta campaña "queremos impulsar o consumo e comercio local, facendo fincapé na excelencia da nosa materia prima para axudar a saír da crise económica xerada pola pandemia". Deste xeito, a presidenta enxalzou que os produtos da provincia teñen "unha grande calidade, son saborosos, saudables e seguros" e cumpren cos requirimentos das persoas consumidoras para acadar a súa confianza. Estas cuestións materializaranse tanto no vídeo promocional da campaña, "moi emotivo", coma nos contidos multimedia cheos de creatividade que amosarán "o mellor da horta, do mar, dos viños e do campo" cos hashtags #Saboreaonosomar, #Saboreanosahorta, #Saboreaosnososviños e #Saboreaonosocampo.

A campaña poderá seguirse a través da páxina web da Deputación e de Turismo Rías Baixas, con contidos especiais, imaxes, vídeos e galerías fotográficas. Tamén contará coa participación de persoas blogueiras e influencers e publicarase en diferentes plataformas e nas redes sociais da institución, onde se promoverá un produto a diario, mantendo o equilibrio territorial entre toda a provincia e etiquetando a Denominación de Orixe Rías Baixas e as asociacións de referencia. Ademais, a iniciativa completarase coa convocatoria dun concurso para que as persoas participantes envíen imaxes cos produtos da provincia de Pontevedra e con pratos listos para degustar.

A campaña "Pontevedra provincia na túa cesta" tamén servirá para poñer en valor as persoas produtoras e comerciantes "que nos serven este excelente produto; son parte imprescindible da cadea e están aí, xogándose a saúde por un ben común, dándonos a enerxía que precisamos nun momento moi difícil" asegurou Carmela Silva, quen aproveitou a ocasión para "darlles as grazas". Neste eido, a presidenta tamén adiantou que a mediados de mes de maio lanzarase unha nova campaña especificamente para a promoción do comercio local porque "debemos concienciar a cidadanía de que todas e todos nos temos que comprometer para apoiar o tecido produtivo da nosa provincia, para manter o emprego con políticas de proximidade e a promoción dos nosos produtos e comercio".

A presidenta da Deputación recordou que "a aposta polos produtos de proximidade é prioritaria para nós" e que "xa foi o ano pasado protagonista da campaña ‘Fame de experiencias', unha campaña que recibiu premios como mellor iniciativa en Madrid, Berlín e Nova York". Con "Pontevedra provincia na túa cesta", tal e como asegurou Silva, "estamos novamente a situar as persoas produtoras e as nosos produtos no centro da nosa acción política, animando a saborear a nosa horta, viño, mar e campo e situando a gastronomía como sinal principal da provincia, con mercados e prazas de abastos que funcionan como vixías dos tesouros gastronómicos que temos".

Vídeos

Audios

  • Audio