Noticias

A Deputación de Pontevedra inxecta máis dun millón de euros en oito concellos da provincia

As achegas, enmarcadas no Plan Concellos 2020, van destinadas á mellora de infraestruturas, espazos dedicados á práctica deportiva e contratación de persoal


06 xuño 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de novas achegas por valor de máis de 1,1 millóns de euros (1.109.458,85 €), ao abeiro do Plan Concellos 2020, que benefician neste caso a oito municipios da provincia: Lalín, Marín, Moraña, Salceda de Caselas, Rodeiro, Baiona, Bueu e Mondariz. Con estas axudas a institución provincial leva outorgados no que vai de ano 17,6 millóns de euros entre as tres liñas do Plan Concellos.

No caso da Liña 1 de Investimentos son cinco novas achegas por valor de 706.608,65 euros, que irán destinadas aos concellos de Lalín, Marín, Moraña, Salceda de Caselas e Rodeiro. A maioría van estar dedicadas a obras de pavimentación, mellora de camiños e servizos e a un proxecto de campo de fútbol. Así, para Lalín apróbase unha subvención por importe de 145.377 euros para a ampliación de servizos na rúa Calzada; a Marín achéganse 310.283 euros para a redacción do proxecto básico e de execución do campo de fútbol da Raña; Moraña recibirá 119.443,68 euros para financiar muros de contención e pavimentación en camiños municipais; Salceda de Caselas 62.791,80 euros para o proxecto de asfaltados dos camiños da Pedra, dos Amieiros, da Besada, Pedreira e Casal; e a Rodeiro 68.713,17 euros para financiar a mellora de camiños rurais en Rañestras, A Puza e Penerbosa.

Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou a modificación de tres achegas da Liña 3 de Emprego concedidas aos concellos do Baiona, Bueu e Mondariz, cun orzamento de máis de 402.000 euros. Os municipios solicitaron estes cambios para realizar reaxustes por mor da situación derivada da crise sanitaria producida pola COVID-19 nas categorías, duración e orzamento das ata 30 contratacións que farán en total.