Noticias

A Deputación de Pontevedra inviste máis de 30.000 euros na mellora da mobilidade peonil da Chan en Cotobade

Actuarase creando novas beirarrúas nun tramo inicial de 200 metros na EP–0401 que transcorre polo núcleo da Chan, no concello de Cotobade


08 decembro 2020

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar as obras, por un importe total de 30.250 euros, para ampliar a mellora da seguridade viaria do núcleo da Chan, no concello de Cotobade. A actuación, que comezará proximamente, ten por obxecto a creación e a mellora das beirarrúas, reforzando a seguridade viaria e peonil neste tramo inicial da estrada, seguindo o modelo de mobilidade amable, segura e sostible da institución provincial.

Estas obras de conservación, adxudicadas á Servicios Medioambientales Miño, S. L., teñen un prazo de realización dun mes e desenvolveranse nos primeiros 200 metros de estrada provincial EP-0401 Carballedo-Caroi ao seu paso polo núcleo da Chan. Trátase dunha zona de especial tránsito e intensidade peonil por estar situada no contorno da casa do concello, do centro de saúde de Carballedo e de entidades bancarias que dan servizo a toda a poboación do municipio.

A actuación completa o proxecto de recuperación feito tras o convenio de colaboración co concello, que contou cun investimento que supera os 440.000 euros (440.572 €) e que permitiu reformar o contorno da praza da Chan (Carballedo) e da capela de San Roque. Desta maneira, a creación e mellora destas beirarrúas únese á habilitación da área de aparcamento e a ampliación da praza cunha vía de plataforma única, e á transformación e recuperación do espazo público como un dos principais obxectivos da Deputación nas infraestruturas provinciais.