Noticias

A Deputación inviste 1,3 millóns de euros para seguir avanzando no modelo de mobilidade "do século XXI" nas estradas provinciais

A institución aproba os contratos para a reposición de firmes en viarios provinciais de Agolada e Rodeiro e para a construción da senda peonil de Parada, en Ponte Caldelas


29 febreiro 2020
Carmela Silva en rolda de prensa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deulle luz verde a diversas actuacións para mellorar a seguranza viaria e a accesibilidade na rede de estradas provinciais a fin, como dixo a presidenta, Carmela Silva, de seguir avanzando "nun modelo de mobilidade propio do século XXI". As melloras aprobadas pola Xunta de Goberno suman un investimento de 1,3 millóns de euros.

Silva remarcou que con estas actuacións a Administración provincial "segue a investir na provincia e a cambiar o noso territorio" e recalcou que o modelo de infraestruturas da Deputación "non é só para a provincia de Pontevedra, para Galicia ou para España; senón tamén a nivel internacional, onde o poñen como exemplo". Isto foi "algo que quedou claro cando participamos no congreso mundial de Lima, onde non había ningunha Administración provincial agás a de Pontevedra", lembrou. "Polo tanto, achegamos recursos para traballar no territorio e para ter unhas estradas do século XXI. E sen mirar a cor política dos concellos; cousa que non está a acontecer con outras Administracións, que toman decisións dependendo de quen goberne en cada concello, como vimos nestes últimos días".

Carmela Silva destacou que as obras se van desenvolver sobre estradas provinciais dos concellos de Agolada, Rodeiro e Ponte Caldelas, cun investimento previsto de 794.069,58 euros. Por outra banda, a Deputación aprobou o expediente de contratación para a adxudicación dun acordo marco para a subministración de materiais e maquinaria na rede viaria provincial, cun orzamento superior aos 461.000 euros.

Máis polo miúdo, a presidenta da institución provincial explicou que se adxudicaron os contratos para as obras de reposición de firmes na EP-6302 Berredo-Brántega (cun orzamento de máis de 345.000 euros e un prazo de execución de catro meses), en Agolada, e na EP-6204 Portela-Antas de Ulla (preto de 222.000 euros), en Rodeiro. Finalmente, aprobouse o expediente de contratación para a construción da senda peonil na EP-0206 en Parada, no concello de Ponte Caldelas, por máis de 226.000 euros.

Audios

  • Audio