Noticias

A Deputación investiu máis de 48 millóns de euros no Morrazo nos últimos 6 anos "o maior investimento feito nunca nesta comarca"

Só co Plan Concellos bianual e co Plan ReacPon, O Morrazo recibirá en 2022 máis de 10,3 millóns de euros. "Unha inversión histórica para unha transformación inédita"


13 decembro 2021
Investimentos no Morrazo

Os máis de 48,3 millóns de euros que a Deputación investiu durante os últimos seis anos no Morrazo son o maior investimento realizado nunca por unha administración nesta comarca. Así o afirmou hoxe a presidenta, Carmela Silva, durante o almorzo informativo no que fixo balanzo da xestión realizada dende o cambio á fronte do Goberno provincial. Nestes seis anos Marín recibiu 9,5 millóns de euros; Cangas, 12 millóns; Moaña, 9,8 millóns; Bueu, 10,6 millóns e Vilaboa, 6,4 millóns de euros. "É a maior inversión da historia nesta comarca para unha transformación moi importante en cada un dos concellos", concluíu Carmela Silva. A presidenta recalcou que practicamente todo o que fixeron estes cinco concellos foi con subvencións da Deputación e puxo especialmente en valor o carácter regrado e obxectivo das achegas provinciais. "Esta é a mellor comarca para diferenciar dúas formas de gobernar, a dun goberno que asina convenios só cos concellos nos que goberna, e outra que é a nosa, a dunha Deputación transparente que garante servizos e dereitos se viva onde se viva e goberne quen goberne, porque aquí hai gobernos municipais de tódalas cores políticas". "Son dúas maneiras de entender a política", argumentou.

Máis de 10 millóns de euros en 2022 só co Plan Concellos e Plan ReacPon

Aos investimentos realizados nos últimos 6 anos sumaranse os 10.319.572 euros que a Deputación asignará ao Morrazo durante o ano próximo. Deles, 7.751.622 euros corresponden ao Plan Concellos bianual 2022-23 (inclúe a Liña1, de obras do ano 2023). Marín recibirá así 1.766.355 euros; Cangas, 1.926.326 euros; Moaña, 1.730.843 euros; Bueu, 1.425.148 euros e, finalmente, Vilaboa, 902.948 euros. Os restantes 2.567.950 euros correspóndese coas achegas directas da Deputación no marco do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon). "Somos moi conscientes de que este é o momento de facer políticas económicas expansivas", explicou.  Con cargo a este programa Marín vai humanizar a contorna da Praza de Abastos de Seixo (730.745 euros dos que a Deputación achega 548.058 euros); Moaña rehabilitará o edificio do Concello Vello (1.160.815 euros con subvención provincial de 870.612 euros); Bueu reformará a biblioteca municipal Torrente Ballester (916.560 euros con subvención de 687.420 euros) e Vilaboa ampliará a Casa do Concello (993.834 euros cunha achega da Deputación de 461.860 euros).

Balance Plan Concellos: 204 obras, 53 actividades e 697 empregos

A espiña dorsal da colaboración destes 6 anos da Deputación foi o Plan Concellos. O Morrazo recibiu máis de 26,6 millóns de euros que permitiron sacar adiante 204 obras, 53 actividades socioculturais e crear 697 empregos para persoas paradas durante un período máximo dun ano, superando así os atrancos derivados da "lei Montoro" que impedía cubrir as vacantes no persoal municipal. Carmela Silva fixo un repaso aos dous centenares de obras e exemplificounas coa reforma do campo de fútbol da Raña, en Marín (310.283 euros); as 15 urbanizacións de rúas e barrios de Cangas (1.568.556 euros); as reformas dos parques infantís de Samertolaméu e da praia de Moaña (456.440 euros); a restauración do estaleiro da Banda do Río, en Bueu (315.109 euros) ou as redes de abastecemento primario de auga en Vilaboa (441.000 euros).

Os plans extraordinarios, sempre en concorrencia competitiva e adxudicados con criterios técnicos, traducíronse en 6 grandes obras no Morrazo. Con cargo ao plan DepoRemse, de mobilidade sostible en espazos municipais, fíxose o Camiño Real de Cangas (488.750 euros), o Camiño Real de Moaña (480.000 euros) e a humanización da rúa da Pedra, en Bueu (353.692 euros). No marco do Plan de Reequilibrio construíuse unha obra referente, como é a piscina climatizada cuberta de Bueu (1.500.000 euros) e rematouse o acondicionamento da nave de piragüismo de Vilaboa (272.193 euros, incluíndo os 150.000 euros financiados con cargo ao Plan PICEI en 2016). Finalmente, con cargo ao Plan Ágora de  recuperación do espazo público municipal, executáronse as obras de humanización da praza do Concello de Moaña (56.303 euros). O Ágora permitiu tamén a redacción de proxectos técnicos en Marín, Bueu e Vilaboa.

31 grandes actuacións de seguridade  viaria nas estradas provinciais

O investimento da Deputación nas estradas provinciais alcanzou os 6,5 millóns de euros, un inxente esforzo económico para as 31 obras xa rematadas ou en execución. A presidenta detívose especialmente nas obras en marcha na estrada EP-1005 O Viso-O Hío, licitadas en máis dun millón de euros e que comezarán en breve: "unha obra histórica para Cangas, mil veces comprometida e nunca executada e que agora vai ser, por fin, unha realidade". No seu repaso citou tamén a reconversión da EP-1104 Moaña-Coiro (coñecida como a estrada de Abelendo, cun investimento de 690.000 euros), que xa está en execución; as melloras na EP-1201 Marín-Penizas cunha nova glorieta e dotación de cunetas tendidas en dous tramos; a mellora no acceso á praia de Nerga (case 60.000 euros); o muro e terraplén na EP-1304 Bueu-Igrexario (180.000 euros) ou as distintas actuacións na EP-0101 Postemirón-Acuña, en Vilaboa, (cun total de 227.208 euros). Na comarca destacan tamén as obras de estradas en tramitación, valoradas noutros tres millóns de euros, e que se sumarán ás xa executadas en canto os concellos completen os trámites. Son os casos da EP-1002 Magdalena-Aldán (1.219.731 euros), en Cangas; a mellora do acceso á praia de Aguete (230.842€); a primeira fase da estrada Beluso-Cabo Udra (571.912€); a mellora da seguridade na estrada Portela-Ermelo (294.861€), ambas en Bueu, e, finalmente, a mellora da seguridade no ramal da igrexa de Figueirido, en Vilaboa (502.6747€). Carmela Silva detívose especialmente no caso da estrada da Magdalena e recordou que a Deputación está á espera de que o Concello confirme a dispoñibilidade dos terreos para facer esta obra tan necesaria. Explicou que as prioridades decídense conxuntamente entre a Deputación e os concellos e sempre de acordo co Decálogo de Criterios técnicos aprobado en 2016: "nós non estamos dispostos a facer obras como as que se facían antes", advertiu, "con beirarrúas altas que eran un obstáculo e, ás veces, con ancho inferior a un metro ou cos postes da luz polo medio". O capítulo de Infraestruturas inclúe tamén o Plan Móvese, que permitiu colocar 97 redutores de velocidade e 61 pasos de peóns sobreelevados. Ademais financiouse o Camiño Escolar Seguro ao colexio de Tirán (Moaña) e a redacción dos plans de Mobilidade Sostible (PMUS) de Moaña e Bueu, plans que, recordou Carmela Silva, son a porta de entrada para poder acceder a fondos europeos sobre mobilidade sostible a través do Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE) ou dos fondos Next Generation.

O resto dos servizos provinciais investiron máis de 16,3 millóns de euros nestes cinco concellos. A área de Igualdade ten un balanzo de 140 subvencións por importe de 235.263 euros tanto aos municipios como a distintas asociacións, co foco posto na violencia de xénero. Pola súa banda, dende o servizo provincial de Cohesión Social superáronse os 1,1 millóns de euros que se traduciron en 957.605 euros para o funcionamento dos Servizos Sociais Comunitarios dos concellos de menos de 20.000 habitantes (Moaña, Bueu e Vilaboa), así como os 184.500 euros para as axudas de emerxencia social ou os preto de 20.000 euros para a teleasistencia, facendo posible que 54 persoas estean hoxe recibindo o servizo. Ademais, repartíronse 177 subvencións a entidades do terceiro sector por importe de 187.888 euros.

A área de Emprego mobilizou 1.307.935 euros no Morrazo para facer posible a contratación de 125 persoas cos programas de Práctica Laboral, O Teu Primeiro Emprego e as becas Practicum Depo, de estudos no estranxeiro para o alumnado de FP. Carmela Silva destacou que o programa provincial O Teu Primeiro Emprego, que impulsa as incorporacións laborais aos concellos, ás empresas e ás ONG, articúlase agora con contratos con salarios fixados por convenio e condicións dignas, superando a precariedade do anterior modelo.

O investimento en Turismo alcanzou os 716.000 euros. A musealización do castro da Subidá, en Marín, absorbeu 175.562 euros, mentres que no monte do Facho (Cangas) investíronse 233.504 euros para a súa escavación e posterior restauración das máis de 3.000 pezas. Carmela Silva lembrou que as competencias exclusivas en materia de patrimonio son da Xunta, pero a Deputación está a investir na posta en valor dos xacementos galaicorromanos da provincia no marco do convenio asinado co Goberno de España. Ademais, destacou a presencia de cinco oficinas de información turística adscritas á rede Rías Baixas e anunciou que pronto serán modernizadas cun plan de dixitalización que chega da man de Red.es e que vai supoñer unha achega de dous millóns de euros en toda a provincia.  Finalmente, a presidenta destacou o apoio institucional, con máis de 210.000 euros, a festivais de música, como Son Rías Baixas; ou do audiovisual, como o FIC Bueu. E, finalmente, o patrocinio de películas como María Soliña, Devolviendo el Golpe, Tarot-Tube ou Ons.

Vilaboa, un concello líder en compostaxe

A aposta medioambiental centrouse nos 267.823 nas axudas entregadas ás confrarías de pesca San Xosé de Cangas, San Cipriano de Aldán, San Martiño de Bueu e a cooperativa agrogandeira A Meixoeira, de Moaña. Así como nos parques forestais de Marín, Lagocheiras, Varalonga, Massó-Liméns, Carballeira de Coiro, Cabo Udra, Miradoiro de Cotorrredondo e Monte das Barreiras, con outros 180.277 euros. Punto e á parte é o plan Revitaliza, "unha auténtica referencia medioambiental en toda Europa", destacou Carmela Silva. Dos 877.000 euros asignados polo Revitaliza ao Morrazo durante o último sexenio, 681.169 foron parar a Vilaboa, pois este concello está en fase 2, ou sexa, foi quen de autoxestionar o tratamento dos seus residuos orgánicos. Deste xeito, Vilaboa repartiu 1.194 composteiros individuais, ademais de implantar os composteiros comunitarios nos principais núcleos.

A presidenta defendeu o poder transformador da cultura e a necesidade de que se espalle por todo o territorio. Con esta premisa, a Deputación investiu máis de 1,5 millóns de euros para financiar 1.863 actividades culturais na comarca. Ademais, o programa provincial Musigal trouxo as actuacións de Budiño, Sés, Roi Casal, Xulio Lorenzo, Dakidarría, Xisco Feijoo, Anxo Lorenzo ou A Roda. En paralelo, subvencionou o funcionamento da Escola de Música de Vilaboa. As restauracións patrimoniais supuxeron outros 91.000 euros con obras como as que agora mesmo están en tramitación para sinalizar o centro histórico de Cangas, rehabilitar os portais do Mercado de Abastos de Marín ou restaurar a muralla da torre de Meira (Moaña). O patrimonio marítimo-fluvial tamén se viu atendido cos 16.200 euros para a rehabilitación dos galeóns Muradán (Cangas) e Eliseo (Moaña).

Carmela Silva amosouse especialmente orgullosa do investimento en Deportes, un apoio que se sustenta exclusivamente en fondos propios. Máis de 1,8 millóns de euros permitiron subvencionar a 98 clubs e 36 deportistas individuais, o mantemento das 22 escolas deportivas do Morrazo e a celebración de 107 actividades ou competicións deportivas celebradas na comarca. Deportistas, algúns deles medallistas olímpicos, están nas listaxes de becas DepoDan e DepoPromesa da Deputación. E as novas xeracións fórmanse nas DepoEscolas de balonmán e piragüismo espalladas por esta comarca.

Por outra banda, "Cangas, Moaña, Bueu e Vilaboa teñen Administración Electrónica gracias a que a Deputación instaurouna e formou a 340 persoas do persoal funcionario e aos concelleiros/as", como se encargou de recordar a titular da Deputación.

Máis de 580.000 euros para a loita contra a pandemia

A institución provincial foi tamén clave no apoio aos concellos para cubrir os gastos extraordinarios xerados pola pandemia de covid-19. Achegou un total de 580.723 euros, dos que a meirande parte foron para alimentar as liñas municipais de axuda aos sectores máis castigados polas restricións sanitarias. Cangas solicitou 227.334 euros; Bueu, 152.408 euros; Moaña, 100.000 euros e Vilaboa, 25.000 euros. A maiores, outros 43.180 euros reforzaron os Servizos Sociais comunitarios dos concellos solicitantes (Moaña e Bueu) e outros 32.800 financiaron plans de corresponsabilidade familiar durante o confinamento nos cinco concellos. Carmela Silva recalcou que, a pesar de que os concellos non teñen competencias para atender as necesidades derivadas da covid19, "non podiamos pasar por alto que impactou especialmente nas persoas máis vulnerables". Aínda así lembrou que a Comunidade Autónoma recibiu centos de millóns de euros extraordinarios e nin un só euro acabou nos concellos.

A Deputación foi, finalmente, a canle que permitiu a chegada de preto de 900.000 euros de fondos europeos ás arcas municipais dos concellos do Morrazo: Marín recibiu 215.928 euros para substituír as redes de iluminación pública por tecnoloxía led; Moaña, 46.518 euros; Bueu, 86.816 euros e Vilaboa, 35.704 euros para substitución de caldeiras de gasoil por biomasa. A maiores, Moaña obtivo outros 154.255 euros ao terse conseguido que a obra fose financiada polo IDAE, aforrando así a achega municipal incluída no convenio. Os fondos europeos tamén supuxeron, finalmente, con outros 68.675 euros, a adaptación á recollida do lixo eléctrico e electrónico no punto limpo comarcal, situado no polígono buenense de Castiñeiras.