Noticias

A Deputación de Pontevedra investiu en Forcarei máis de 166.000 euros en infraestruturas no último ano e chegará a máis de 350.000 antes de 2021

Todas as actuacións do municipio están enmarcadas na folla de ruta creada polo ente provincial para mellorar a seguridade e a mobilidade na Rede Provincial de Estradas


20 agosto 2020
Investimentos Deputación Forcarei

A Deputación de Pontevedra, no seu firme compromiso a prol da seguridade viaria e a mobilidade en todos os concellos da provincia, investiu no municipio de Forcarei máis de 166.000 euros no último ano co obxectivo de mellorar as estradas provinciais. Coas actuacións previstas e xa en trámite, o investimento crecerá até os 350.000 euros a final de ano.

Destes investimentos, 103.710 euros correspóndense á mellora da seguridade viaria e peonil nas diferentes vías a través de varias accións. En concreto, trátase da drenaxe e dotación de cuneta tendida na vía EP-7016 no núcleo de Rozados, onde se aumentou a seguridade da veciñanza deste núcleo da parroquia de Quintillán. Ademais, na EP-7203 Soutelo-Covas o ente provincial traballou para mellorar o tránsito peonil en Fixó, A Portela e Malburgo coa dotación de cuneta tendida dentro destes núcleos, a instalación dun tramo de perfil bionda no núcleo de Covas e a limpeza integral da vía. Por último, realizáronse melloras na EP-7104 Cerdedo-Santo Domingo e na EP-7204 Soutelo-Ratel coa limpeza integral de gabias e intervencións de mantemento do firme.

Por outra banda, 36.936,11 euros foron destinados ao pintado das vías provinciais que acaba de executarse neste mes de agosto. Outros 17.000 euros foron a parar aos roces das estradas de titularidade provincial, para o que se estableceu dúas quendas anuais. Outros 9.000 euros pertencen á elaboración do Plan de mobilidade sustentable do concello destinado a interconectar os núcleos e mellorar a accesibilidade peonil.

Aínda que polo momento se atopa en fase de licitación, outra grande inversión que a Deputación de Pontevedra fará no municipio de Forcarei está valorada en 202.573,15 euros e terá como obxecto a conservación do firme das estradas provinciais neste concello. Así, todas estas actuacións están enmarcadas na folla de ruta creada polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, na que se estableceron como prioritarias a seguridade e a mobilidade peonil das estradas.