Noticias

A Deputación de Pontevedra investirá preto de 210.000 euros en diferentes actuacións na Finca de Mouriscade

O Goberno de Carmela Silva aprobou os expedientes para contratar a subministración da alimentación do ganado vacún e dun novo equipamento para a realización dos análises das mostras de ensilados


15 setembro 2019
Finca Mouriscade

A Deputación de Pontevedra investirá preto de 210.000 euros para diferentes actuacións na Finca Mouriscade, como informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, quen destacou a labor de "investigación e de apoio ao sector primario" que desenvolve esta instalación dependente da Deputación e reiterou que debería estar financiada pola Administración autonómica, ao igual que a Estación Fitopatolóxica Areeiro. "Aínda así, mentres as sigamos xestionando, queremos que teñan a máxima calidade, que oferten os mellores servizos e, polo tanto, sigan sendo eses dous eidos tanto para todo o que ten que ver co mundo agrario e co mundo gandeiro".

Así, a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o expediente para a contratación, por procedemento aberto, da subministración de alimentación do gando vacún da finca, un contrato cun orzamento de licitación de 136.821,30 euros destinado á adquisición de mestura de materias primas e pensos ensacados, así como palla picada.

Por outra banda, aprobouse tamén o expediente para a contratación, por procedemento aberto simplificado, da subministración dun equipo NIR (Near Infrared Spectroscopy) para o laboratorio da finca. A través desta contratación vaise substituír o equipo actual, que data do ano 1993, por un renovado para poder facer o análise das mostras de ensilados. Hai que destacar que Mouriscade está a facer de media preto de 26.000 análises de ensilados ao ano e o equipo NIR permitirá facer a realización dalgunhas análises en mostras secas en 24 horas, o cal axilizará ás gandeiras e gandeiros e persoal técnico a toma de decisións. Neste caso, o orzamento base de licitación é de 72.600 euros.