Noticias

A Deputación de Pontevedra investirá case 700.000 euros na recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP-1104 Moaña-Coiro

A actuación, enmarcada nun convenio co concello que se aprobará este venres na Xunta de Goberno, reformulará por completo a vía, estendendo a accesibilidade e a convivencia entre peóns e vehículos e dotándoa de novos servizos


28 maio 2020

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres o convenio co concello de Moaña para a "Recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil entre os puntos quilométricos 1+200 e 1+780 do tramo da EP-1104 entre Moaña e Coiro". A actuación conta cun orzamento de 690.000 € e será financiada na súa totalidade pola Deputación, que cubre directamente o 70 % (483.000 €) e o 30 % restante (207.000 €) son recursos do Plan Concellos que a Deputación de Pontevedra achega a Moaña.

Con este proxecto, enmarcado no modelo de seguridade viaria da institución, mellorarase o estado actual do firme da EP-1104 entre Moaña e Coiro, así como a súa accesibilidade. Ademais, aplicaranse medidas de convivencia entre peóns e vehículos cunha plataforma única en toda a lonxitude do proxecto, que ascende a 580 metros. Esta plataforma xogará con distintos materiais, cores e texturas, para poder establecer unha diferenciación entre o espazo peonil e o reservado para a circulación de vehículos.

A actuación contempla ademais unha zona de prioridade peonil, para mellorar a mobilidade e garantir a seguranza, e a redución especial da velocidade dos vehículos. A obra de recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil entre Moaña e Coiro tamén abrangue melloras en diversos servizos urbanos como a iluminación pública, a drenaxe, o mobiliario urbano ou a xardinería.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de data 17 de xuño de 2017), polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.