Noticias

A Deputación investirá 206.624 € nas bolsas dos mestres composteiros que traballarán nos concellos

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a ampliación do número de bolsas


22 abr 2016

A Deputación de Pontevedra investirá 206.624 euros nas bolsas para os mestres e mestras composteiros que se encargarán da xestión dos centros de compostaxe comunitaria que repartirá a institución provincial entre os concellos. Esta contía é a resultante da ampliación de 10 a 12 o número de prazas previstas inicialmente e foi aprobada no día de hoxe na Xunta de Goberno provincial.  Segundo manifestou o vicepresidente César Mosquera, a Deputación pretende sacar "o maior rendemento" á formación proporcionada aos aspirantes na ‘Facultade da Compostaxe', posto que asistiron ao primeiro curso de especialización neste ámbito en toda a Unión Europea.

O proceso de selección para os mestres composteiros estivo formado por unha proba tipo test de 100 preguntas á que se presentaron preto de 450 interesados, dunha entrevista persoal e dun curso de 180 horas que se desenvolveu durante os meses de febreiro, marzo e abril, e que contou con docentes de recoñecido prestixio na materia. Finalmente foron 18 os aspirantes que  superaron o curso, mostrando todos eles unha alta cualificación, preparación e rendimento, ademais dun especial interese nas distintas prácticas feitas ao longo do curso.

Os mestres composteiros terán como función dar soporte técnico e participar activamente nos traballos físicos xunto cos veciños dos distintos concellos  involucrados compostaxe comunitario plafinicado ao abeiro do Plan Compost Revitaliza, sendo na actualidade 23 os concellos que xa se adheriron, solicitando un total duns 60 centros de compostaxe formados por mais de 200 unidades modulares.

Por iso, debido ao alto nivel mostrado polo persoal que superou todas as fases do proceso de selección, así como a necesidade de levar un control exhaustivo das mais de 200 unidades modulares de compostaxe se fixo necesario ampliar en dúas as 10 bolsas de práctica laboral.  Tendo en conta que o importe das bolsas é de 1.400,00 euros/mes, cantidade que inclúe todos os gastos derivados de desprazamentos, dietas e outros e que a súa duración é de seis meses, prorrogables por outros seis, o custo estimado desta ampliación ascende a 34.437,36 euros e o custe total da iniciativa a 206.624 euros. A esta cantidade hai que sumar o custe afrontado pola Deputación para a súa formación.

Os bolseiros

Os doce aspirantes que acadarán a bolsa da Deputación obtiveron unha media de Notable na calificación do curso da ‘Facultade da Compostaxe'. Foron Mariña Lobelle, Sofía Rúa, Gonzalo Pousada, Noemí Vázquez, Francisco Vilariño, Estefanía Alfonsín, Ana Pazó, Agustín Vidal, Jesús Iglesias, Beatriz Fernández, Manuel E. Pintos e Carlos M. Pintos. Todos eles, xunto con outros seis compañeiros que se poderán incorporar a outros concellos progresivamente, terán o título de mestre e mestras composteiros, que está en fase de homologación por parte da Universidade de Vigo. O seu recoñecemento profesional, en calquera caso, está xa fora de toda dúbida, posto que outras administracións de varios puntos do estado e empresas privadas xa fixeron constar o seu interese por contar co seu traballo poñéndose en contacto coa Deputación de Pontevedra.

 "Pode ser que algúns dos que se formaron na Facultade da Compostaxe teñan ofertas máis substanciosas para traballar que a propia bolsa da Deputación. Nós agardamos que queden con nós e finalicen a súa formación", destacou, para engadir que non se descarta a celebración de novos cursos na ‘Facultade da compostaxe'. "A compostaxe é un sistema de xestión do lixo que ten moita saída laboral e futuro dentro das administracións e no ámbito privado", insistiu.