Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia os pasos para integrarse na Asociación de Entidades Locais pola Lingua

A deputada María Ortega apostará este mandato por potenciar a creación e mantemento de servizos de normalización nos concellos, xa ben de xeito individual ou agrupado


08 xaneiro 2020
Reunión Entidades Locais Lingua Galega

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar os pasos para integrarse na Asociación de Entidades Locais pola Lingua. A deputada provincial de Lingua, María Ortega, reuniuse coa directiva e manifestou o interese do organismo provincial en formar parte do colectivo, pola coincidencia plena cos seus obxectivos de consolidar o papel normalizador das corporacións locais e xeneralizar o uso do galego como principal lingua de traballo coas persoas administradas, así como promover e dinamizar a lingua na sociedade en xeral.

O encontro, solicitado por iniciativa da Asociación de Entidades Locais pola Lingua (formada por representantes dos concellos de Rianxo, Pontevedra, O Grove, Ames, Narón, Rois e Santiago de Compostela) serviu para explicar a constitución e darse a coñecer, concretando algunhas iniciativas en marcha, como o programa Apego, o Club de debate, Youtubeiras ou Enreguéifate.

A deputada María Ortega destacou, principalmente, que o Servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra ten clara a importancia de crear e manter os Servizos de Normalización dos concellos, polo que destacou que traballará para potencialos neste mandato, xa ben de xeito individual ou de maneira agrupada no caso dos concellos que non teñen capacidade de dispoñer de persoal propio.

Segundo Ortega, é "fundamental e esencial" que os concellos da provincia de Pontevedra dispoñan de persoal cualificado para a planificación e programación continua de actividades de normalización e dinamización da lingua galega, e non se limiten a organizar actividades illadas en galego que non supoñen un fomento real do uso e do prestixio da lingua galega.

A nacionalista puxo sobre a mesa, así, a vontade da Deputación para asesorar ás administracións municipais sobre a súa política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación, fomentar a incorporación de accións con obxectivos normalizadores, e fomentar a dinamización sociolingüística e a formación, entre outras, e lembrou que están en fase de redacción as bases de subvencións provinciais de dinamización lingüística para o ano 2020.

Desde a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega destacaron a importancia de incluír a promoción do galego no concepto de servizo que os concellos, as comarcas, e neste caso a provincia de Pontevedra, lle ofrecen á cidadanía, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas.

Insistiron no obxectivo de pór os medios para que todo persoal traballador ao servizo da administración local (e como tal tamén da Deputación) teñan unha "actitude favorable ao emprego da lingua propia de Galiza, coñecemento oral e escrito para atender nesa lingua ás persoas que o desexen e teñan tamén práctica habitual na oferta positiva".