Noticias

A Deputación inicia os exames de selección do novo persoal bolseiro para o Plan Revitaliza

Presentáronse 84 persoas á proba tipo test realizada hoxe en Príncipe Felipe e 36 pasaron o corte do tribunal cualificador


15 marzo 2018
Examen Plan Revitaliza

A Deputación de Pontevedra iniciou hoxe os exames de selección para o novo persoal bolseiro do Plan Revitaliza de compostaxe. Á primeira proba, de 100 preguntas tipo test, presentáronse 84 persoas aspirantes das 101 que foran admitidas e, unha vez corrixidos os exames –as notas e respostas acertadas publicaranse mañá na web www.depo.gal–, fíxose público que serán 36 persoas as que pasarán á seguinte fase de selección.

A nova proba realizarase o luns 26 deste mes e consiste nunha entrevista persoal para comprobar a preparación e desenvolvemento comunicativo das candidatos e candidatos. Unha vez pasados estes exercicios, serán 30 os e as aspirantes á bolsa do Plan Revitaliza que realizarán o curso de formación na ‘Facultade da Compostaxe' e seis quedarán como reserva.

O obxectivo é que, finalmente, 25 se incorporen como mestres e mestras composteiras ao plan provincial de compostaxe. A súa función consistirá en xestionar os centros de compostaxe comunitaria, promocionar a compostaxe como sistema de xestión do lixo que trata a parte orgánica dos residuos municipais de xeito máis económico e ecolóxico, potenciar a utilización de composteiros individuais e, incluso, a participación na posta en marcha de plantas comarcais de compostaxe.

A dotación económica das bolsas das mestras e mestres composteiros ascende a 1.400 euros ao mes, que inclúen gastos por dietas e desprazamentos. A duración das prácticas nos diferentes centros de compostaxe comunitario (CCC) instalados nos concellos da provincia será dun ano desde a súa incorporación, prorrogable ata un máximo de dous anos.

Como dato anecdótico do exame de hoxe, que tivo lugar en Príncipe Felipe, presentáronse 41 mulleres e 43 homes, se ben pasaron a nota de corte establecida polo tribunal 16 mulleres e 20 homes. As persoas integrantes do comité avaliador manifestaron a súa satisfacción pola preparación das persoas aspirantes ao superar o elevado grao de dificultade da proba.