Noticias

A Deputación inicia o luns a mellora do firme da estrada á igrexa de Caleiro, en Vilanova de Arousa

O deputado Uxío Benítez explica que os traballos, que suporán o aglomerado dos 400 metros da vía, enmárcanse dentro do Plan de conservación de firmes do Departamento de Mobilidade


24 agosto 2018
Igrexa de Caleiro

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará este luns obras de saneo e mellora do firme na estrada provincial EP-9704, de enlace coa igrexa de Caleiro, no Concello de Vilanova de Arousa. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación está enmarcada dentro do Plan de conservación de firmes e abrangue practicamente toda a lonxitude e sección da vía (uns 400 metros lineais) co fin de mellorar a seguranza viaria.

A actuación, que se decidiu despois de informes técnicos do persoal da Deputación ao detectar pequenas fochancas, fendas e cuarteados, prolongarase durante varios días cos traballos de aglomerado. Aplicarase tamén unha capa de tratamento antiescorregadizo, o que se completará co repintado da sinalización horizontal unha ou dúas semanas despois, cando o firme estea totalmente consolidado.

Coa mellora do firme na EP-9704 continúanse as actuacións iniciadas a principios de verán ao abeiro do novo modelo de conservación de firmes da Deputación na zona do Salnés. O novo contrato marco anual de conservación que se está a aplicar supón na práctica unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias en calquera dos firmes da rede provincial por parte do persoal da Deputación.

Co novo Plan de conservación de firmes a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes son as responsables das obras. Á zona do Salnés correspóndelle o lote número cinco, que atende aos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa, cun orzamento de 699.868,86 euros e a adxudicataria Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S. L. (MARCONSA). O orzamento chega ata os 4,4 millóns de euros ao ano para toda a provincia.