Noticias

A Deputación inicia en Vila de Cruces as obras de mellora da mobilidade peonil na entrada á area recreativa da Carixa

Actuarase nun tramo de 100 metros da EP 6410 entre Bodaño e Merza dando así resposta ás demandas de seguridade viaria da veciñanza e persoas usuarias da área recreativa, un espazo natural e recreativo no que se dan cita numerosas persoas no verán


18 novembro 2021
Obras en Vila de Cruces

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de "Mellora da mobilidade peonil na EP-6410 entre Bodaño e Merza" ao seu paso pola área recreativa da Carixa en Vila de Cruces. A actuación, na que se investirán preto de cen mil euros, céntrase nun tramo de cen metros da estrada provincial, dando así resposta ás demandas de seguridade viaria da veciñanza e persoas usuarias da área recreativa, un espazo natural, recreativo e de lecer no que se dan cita numerosas persoas no verán.

Coas obras que vén de iniciar a Deputación de Pontevedra neste tramo da EP-6410 vanse solucionar os problemas de seguridade viaria que ata o momento padecían as persoas usuarias da área recreativa da Carixa, que accedían a través dun espazo estreito, non habilitado para peóns e peoas e con numerosas barreiras arquitectónicas. Deste xeito, corrixirase a problemática a través da reforma dun tramo que vai permitir gañar o ancho necesario nunha das beiras da ponte sobre o río Orza e construír unha senda peonil, continua e segura, acabada en formigón coloreado que rematará na propia praia fluvial.

A estrada EP-6410 Bodaño-Merza comunica os núcleos de A Moa, Reboreda, O Outeiro e a área recreativa da Carixa, onde hai unha zona de autocaravanas, parque infantil e unha praia fluvial moi popular. A estrada ten unha intensidade media diaria de 500 vehículos diarios, que se intensifica nesta zona ao chegar o verán,  e unha lonxitude total de 6,8 Km.

Fotos