Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia en Pontevedra e Vigo os tres cursos de español para persoas inmigrantes

As 55 persoas participantes prepararán con estes cursos o exame DELE A2 que é a proba indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española


07 setembro 2020
Curso español sede de Vigo

A Deputación iniciou este luns os tres cursos de español dirixidos a persoas inmigrantes deste 2020, que se desenvolven en Pontevedra e Vigo. Esta actividade formativa, que este ano chega a súa cuarta edición, vai encamiñada a que as e os participantes poidan superar posteriormente o exame DELE A2 expedido polo Instituto Cervantes, unha proba que é requisito indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española. Un dos cursos ten lugar en Pontevedra, no Centro Príncipe Felipe, onde esta mañá a deputada Olga García deu a benvida ás e aos participantes, e os outros dous na sede da institución provincial en Vigo, onde estivo hoxe a deputada Ana Laura Iglesias.

A pandemia da COVID-19 obrigou a pospoñer o calendario destes tres cursos, que agora se retoman cun estrito protocolo pola pandemia da COVID-19. Deste xeito, as sesións que antes tiñan lugar no Edificio Administrativo trasladáronse ao Centro Príncipe Felipe para facilitar a ratio de 20 alumnas e alumnos por clase seguindo a normativa sobre distancia de seguridade. Ademais, é obrigatorio o uso de máscaras durante as clases e as persoas participantes teñen a súa disposición material de hixiene para garantir a seguridade sanitaria.

Os tres cursos teñen 40 horas de duración. No caso dos de Vigo, un terá lugar en horario de mañá e outro pola tarde, mentres que no de Pontevedra as sesións serán pola mañá. Este ano ofertáronse 55 prazas (20 no curso de Pontevedra e 20 e 15 nos dous de Vigo) e a demanda desta actividade queda reflectida no feito de que houbo máis de 130 solicitudes de participación, a maioría de cidadáns de Marrocos, seguidos das e dos de Brasil e Senegal. Tamén se rexistraron peticións de persoas de Ghana, Nixeria, Costa de Marfil, Alxeria, Rusia, Moldavia, Mauritania, Ucraína, Bulgaria e Quenia. 

Os cursos, que están impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo, están dirixidos a persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen superar o DELE A2 para a obtención da nacionalidade española. Con esta actividade, a Deputación de Pontevedra tenta facilitar ás persoas de países non hispanofalantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Trátase dunha proba que require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. Con esta iniciativa, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Nas tres edicións anteriores, estas actividades tiveron un total de 180 participantes.

De seguir o calendario agora previsto, o alumnado poderá despois de finalizar estes cursos examinarse da proba DELE A2 o 14 de novembro no Instituto Cervantes de Vigo, salvo que a situación derivada da COVID-19 faga necesario a modificación desta data.

No pasado 2019, o 87,8 % do alumnado que realizou estes cursos de español aprobou o exame do DELE A2, un dato que a Deputación considera moi positivo, sobre todo ao ter en conta que as persoas que se presentan a estas actividades teñen que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo ou as súas cargas familiares, para as que non teñen apoio.