Noticias

A Deputación inicia de forma inminente a substitución total de máis de 1.150 metros da cuberta de Príncipe Felipe

Os traballos que se realizarán na parte da Escola-Fogar e Unidade de Primeira Acollida (UPA) foron adxudicadas por 137.908,47 euros e teñen un prazo de execución de dous meses


24 out 2016

As obras de reforma da cuberta das instalacións de Príncipe Felipe comezarán de xeito inminente nos vindeiros días. Tras a aprobación da Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra no día de hoxe é posible iniciar con todas as formalidades os traballos de reforma da cuberta do espazo da Escola-Fogar e da Unidade de Primeira Acollida (UPA), que teñen unha superficie que supera os 1.150 metros cadrados.

Segundo explicou a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, solucionarase así un problema que se viña arrastrando dende hai anos e que urxe de cara á chegada das chuvias e do inverno. "Con esta renovación das cubertas da Escola Fogar e a UPA, ademais das de Maternais e a Escola Infantil, o que pretendemos é solucionar unha necesidade importante do centro de xeito global, xa que hai anos que se teñen detectado deficiencias de filtracións e humidades que non se deron atallado con outras obras menores", asegurou Vilaverde.

O contrato coa adxudicataria, a empresa Construcciones Abal, establece  que as reformas realizaranse nun prazo máximo de dous meses, se ben tratarase de axilizar o máximo posible este tempo. Os traballos consisten na reparación das cubertas que están en mal estado tanto polo paso do tempo como polas últimas reparacións parciais realizadas que, nalgúns casos, foron deficientes e agravaron o problema das filtracións permitindo o paso da auga nos remates coas paredes verticais do edificio. Así, a nova actuación renovará totalmente a cuberta para garantir unha correcta impermeabilización coa substitución total dos materiais e coa instalación de diferentes pranchas illantes, ademais de reparar as saídas de augas pluviais instalando novos canos para evitar filtracións.

Para realizar esta actuación, que tiña un orzamento inicial de 180.529 euros, presentáronse 26 empresas, das que, unha vez analizada a documentación técnica e económica, excluíronse catro por incorrer en baixa temeraria e estimar a mesa de contratación que podería poñerse en perigo a correcta execución do contrato. Tamén foron excluídas outras nove por non acadar os 20 puntos mínimos na valoración técnica. 

Outros 2.500 metros cadrados de tellado

Por outra banda, a mellora da cuberta dos centros de Príncipe Felipe continuará coas actuacións nas áreas de Maternais e da Escola Infantil. Neste caso a área de actuación é maior alcance que a anterior e o orzamento de saída chega aos 358.481 euros, xa que abranguerá máis de 2.500 metros cadrados de tellado.

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o proxecto de renovación a mediados do mes de setembro e xa se iniciou o procedemento de Contratación. Nos vindeiros días poñerase en marcha o expediente para que as empresas entreguen as súas ofertas nos 52 días establecidos por lei.

Deste xeito a cuberta de Príncipe Felipe quedará totalmente renovada.