Noticias

A Deputación inicia as obras de mellora da mobilidade peonil que transformarán o singular barrio do ferrocarril de Arbo

Os traballos, que teñen un orzamento de 484.906 euros, permitirán favorecer a accesibilidade e seguridade das persoas nesta zona baixo o modelo de mobilidade amable e sostible da institución provincial


31 outubro 2021
Obras en Arbo

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de mellora da mobilidade peonil na intersección das EP-5202 e  EP-5203, no barrio do ferrocarril do concello de Arbo, unha actuación que transformará este singular espazo dando resposta a unha demanda histórica da veciñanza e que foi adxudicada por un orzamento de 484.906€. As obras están financiadas na súa totalidade pola Deputación a través dun convenio co Concello de Arbo, que aportará o 30% do orzamento con achegas do Plan Concellos, e convértense no maior investimento do ente provincial neste municipio ata o momento. Trátase dun novo proxecto para dar prioridade ás persoas e favorecer a accesibilidade en toda a zona, no marco do modelo de mobilidade amable e sostible da institución provincial para a revalorización do espazo público como un dereito da cidadanía.

As actuacións comprenderán un tramo de case medio quilómetro situado entre a contorna da Capela de San Antonio e a estación de tren, con dúas zonas de actuación. Na primeira delas, na contorna da capela onde entroncan as estradas provinciais EP-5202 e EP-5203, instalaranse pasos elevados de peóns e peoas para darlles seguridade e realizaranse beirarrúas dun mínimo de 2,5 metros de ancho para enlazar coa zona de convivencia proxectada. Por outra banda, dende o entronque das citadas estradas cara a estación de tren de Arbo habilitarase a citada zona de convivencia ao longo de 310 metros, amais dunha senda cun ancho mínimo de 2,5 metros e unha plataforma única na zona de coexistencia  de tráfico rodado e peonil, na que peóns e peoas terán preferencia.

Amais, melloraranse tamén as redes de abastecemento, saneamento e alumeado, apostando polo emprego dos recursos sostibles ao instalar 24 farois LED ademais de restaurar 12 unidades xa existentes.