Noticias

A Deputación inicia as obras de mellora da estrada provincial Serrapio-Portela este luns

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que os traballos de ensanche e calmado de tráfico poderán estar rematados en maio se a climatoloxía o permite


09 febreiro 2018
Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará este luns as obras de mellora da estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez os traballos, que tiveron un orzamento de licitación de 240.822euros, estarán finalizados no mes de maio se a climatoloxía o permite.

As obras na EP-7102, apunta o deputado, suporán un importante cambio con respecto ao actual estado da vía, e permitirán aumentar a seguranza viaria na zona, un dos criterios fundamentais da Estratexia de Mobilidade 3.0 que está a desenvolver o novo Goberno da Deputación. Os traballos consisten na mellora do firme actual, a limpeza e roza das marxes (reperfilando as cunetas), a instalación de redutores físicos de velocidade, un ensanche de toda a vía existente ata os sete metros de sección (salvo no núcleo de Aldea de Bugarín), así como a consolidación dos noiros e terras existentes para evitar os arrastres en épocas de chuvias.

Os case dous quilómetros de lonxitude da estrada incluídos do proxecto, máis traxecto que na actuación prevista polo anterior Goberno provincial, están divididos en seis treitos diferenciados. No primeiro (do PQ 0+000 a 1+440) pavimentaranse sete metros de largo do firme existente para crear dous carrís de tres metros de largo e unha beiravía de 0,50 metros a cada lado. Haberá un estreitamento puntual da sección na ponte, onde se colocarán dous redutores físicos de velocidade á entrada e saída, reducindo a velocidade a 30 quilómetros por hora e sinalizando a presenza do estreitamento.

Nos trescentos metros do segundo treito, que coincide co núcleo de vivendas de Aldea de Bugarín, colocaranse outros dous redutores de velocidade á entrada e á saída, e renovarase o firme, mantendo o largo actual pola existencia de edificacións. No terceiro treito ensancharase a vía, pasando dunha sección de 4,5 metros a 7 metros, para o que será preciso un recheo que permita o sobreancho.

No cuarto treito (PQ 1+800 a 1+890) pavimentaranse os sete metros de largo da variante existente en xabre, creando os dous carrís que continúan a plataforma. Nos sobreanchos do tramo, para solucionar o problema do arrastre dos finos do xabre actual, procederase a retirar este e repoñerase con recheo de grixo. Ademais, debido ao terraplén existente na zona da variante, instalaranse barreiras de seguridade a ambos lados da plataforma. No último treito ensancharase a vía ata os sete metros xenéricos para toda a estrada.

Benítez lembrou que o actual proxecto da Deputación para a estrada mellora o previsto con anterioridade e supón unha actuación "comedida" dada a tipoloxía da vía e o seu número de persoas usuarias.