Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia as obras de conservación de firmes nas estradas provinciais de Deza e Terra de Montes

Os traballos comezaron hoxe na EP-7203 Soutelo-Covas e continuarán ao longo desta semana na EP-7201 Cachafeiro-Silleda


15 marzo 2021
Obras de reasfaltado

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar as obras de conservación de firmes nas estradas da zona C da provincia, que corresponde á rede viaria provincial ao seu paso polos concellos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes e ás que a institución destina un orzamento total de preto dun millón de euros. Os traballos están enmarcados no modelo de mobilidade e seguridade viaria da Deputación.

Máis polo miúdo, as obras comezaron hoxe na EP-7203 Soutelo-Covas, en Forcarei, onde se procederá entre esta xornada e a de mañá martes a asfaltar a calzada nas zonas de Sanguiñeda e Fixó. Para o mércores e o xoves desta mesma semana está previsto actuar na EP 7201 Cachafeiro-Silleda.  

A zona C comprende case 93 quilómetros de lonxitude das estradas provinciais que pasan por Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis. En concreto inclúense nesta zona as mencionadas estradas provinciais EP-7203 Soutelo-Covas e EP-7201 Cachafeiro-Silleda, así como a EP-6203 Negrelos-Pedroso, EP-6306 Agolada-Cruces, EP-6408 Merza-Bascuas, EP-6504 Negreiros-Carboeiro, EP-6506 Breixa-Manduas, EP-7006 Sol-Pardemarin e a EP-7017 Callobre-Ponte Ledesma.

Fotos