Noticias

A Deputación inicia a contratación de persoal do programa "trOPOS" para revolucionar as oposicións na Administración local

Xa está dispoñible a publicación impresa e a versión web sobre ‘Conceptos e normas básicas sobre os procesos selectivos' redactada polo vicepresidente, César Mosquera


14 outubro 2020
Tropos

A Deputación de Pontevedra vai iniciar de maneira inminente a contratación do persoal que porá en marcha o programa "trOPOS" para revolucionar os procesos selectivos de persoal na Administración local primando as competencias sobre a memorización. Salvo contratempo, a semana próxima publicaranse no Boletín Oficial da Provincia as bases para a contratación de dúas persoas de grupo A, que será persoal funcionario interino por programa, para que durante tres anos redacten material de apoio ademais de asesorar a concellos e tribunais para que as oposicións resulten máis eficaces á hora de cubrir as prazas públicas.

Segundo explica o vicepresidente Mosquera, a intención é que ao longo dos meses de novembro e decembro se seleccione o persoal de ‘trOPOS' e que o programa estea plenamente operativo a primeiros do ano próximo. Inicialmente o traballo será fundamentalmente teórico e de redacción de bases, catalogacións e delimitación de cada posto dentro das administracións locais, para máis adiante, iniciar unha seguinte etapa de asesoramento directo aos municipios e os tribunais de procesos selectivos.

Nestes momentos xa está dispoñible a publicación impresa e a versión web (en depo.gal a partir de mañá xoves) de Conceptos e normas básicas sobre os procesos selectivos, obra redactada polo vicepresidente, César Mosquera, impulsor do proxecto e que servirá de guía para a iniciativa.

Esta publicación xa foi distribuída en formato físico entre todo o persoal xefe de servizo da Deputación, e entre as alcaldesas e alcaldes dos concellos da provincia e, en breve, remitirase –na edición en español– entre as principais administracións do Estado (autonómicas, provinciais, cabildos…), ademais de chegar nominativamente ata a ministra de Función Pública, Carolina Darias, así como á FEGAMP, á FEMP, ao Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) e á Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP).

O programa "trOPOS" (acrónimo de ‘transformar oposicións') pretende un cambio profundo no desenvolvemento das oposicións, incorporando coñecementos e avances científicos en diversas áreas, dando un salto de calidade que permita que o persoal que obteña unha praza sexa realmente, e non só na teoría, o máis adecuado para o seu posto dentro da Administración.

Segundo explicou Mosquera, nestes momentos os procesos selectivos de persoal están sumidos nunha ‘rutinización', aplicando bases de convocatorias moi similares entre si e antigas, que se repiten constantemente porque non se dedican esforzos nin recursos para modernizalos, algo que a Deputación de Pontevedra pretende cambiar de maneira substancial.

Para levar á práctica este programa contrataranse por parte da Deputación dúas persoas técnicas superiores especialistas en procesos selectivos na Administración local encargadas de planificar, programar, avaliar e executar o proxecto. Unha delas tería ademais a función de coordinar "trOPOS" baixo a dirección da xefa de servizo de Recursos Humanos da Deputación.

Mosquera puxo sobre a mesa a necesidade de que as oposicións se rexan pola transparencia e a equidade e cumpran con dous conceptos clásicos, o de validez e o de fiabilidade: Isto é, que a persoa que opta a un posto demostre a súa capacitación para unha función, e que de volver a realizar unha proba os resultados sexan parecidos sen influencia da sorte.

Desde a Deputación farase un chamamento aos concellos da provincia para participar deste programa, tendo que formalizar unha adhesión.