Noticias

A Deputación incrementa este ano ata os 214.000 € o financiamento da política social dos concellos do Val Miñor con máis de 630 persoas beneficiarias

Os Servizos Sociais Comunitarios Básicos, o servizo de axuda no fogar (SAF), as axudas de emerxencia, a teleasistencia e os programas de ocio ou respiro familiar son iniciativas financiadas pola Deputación


24 agosto 2018
Incremento da financiación da política social nos concellos do Val Miñor

Co obxectivo de mellorar o benestar e a calidade de vida das cidadás e cidadáns e especialmente as familias que necesitan unha maior asistencia, a Deputación de Pontevedra, a través dos seus programas de Cohesión Social, está a financiar a política social dos concellos da provincia. No caso da comarca do Val Miñor este ano beneficia ata o momento a máis de 630 veciñas e veciños dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, cun investimento de 214.96 0 €.

Estamos a falar dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos e o servizo de axuda no fogar (SAF); as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia, e todos os programas de ocio ou respiro familiar dependentes da Deputación de Pontevedra como Depotermal, Depo en marcha ou Depo Aventura A Lanzada, entre outros.

No caso de Nigrán, o Goberno de Carmela Silva destinou no que vai de ano ás políticas sociais da vila un total de 78.673,49 euros dos que se están a beneficiar máis de 220 veciñas e veciños. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, que ofrece asistencia económica para os Servizos Sociais Comunitarios Básicos co servizo de axuda no fogar (SAF) que atendeu a 32 usuarias e usuarios en 2017; e as axudas básicas de emerxencia, que atenden as demandas das veciñas e veciños que se atopan en situación de risco ou exclusión social e que o pasado ano beneficiaron a 29 familias de Nigrán. Finalmente, a Deputación tamén financia o programa de teleasistencia domiciliaria que apoia este ano 2018 a 4 maiores ou persoas con diversidade funcional do concello que viven soas ou teñen dificultades para desenvolver actividades cotiás. En canto aos programas de ocio, que buscan mellorar a calidade de vida, este ano están a ser preto de 160 persoas de Nigrán as beneficiadas. Falamos de programas como Depotermal, que ofrece a posibilidade de pasar uns días – con ou sen pernoita – en balnearios da provincia; Depo en marcha para gozar dos obradoiros que ofrece a Deputación; e Depo Aventura A Lanzada no que este ano participaron 38 nenas e nenos da vila. Todas estas iniciativas teñen, ademais, prazas de balde para as familias con menos recursos.

En canto ao Concello de Gondomar, a institución provincial investiu 69.621,11 euros para financiar as políticas sociais da vila, que están a beneficiar a máis de 220 persoas. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar (SAF) chegou a 30 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 100 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 16 persoas da vila. Con respecto ás actividades, neste 2018 están a ser preto de 80 as persoas de Gondomar beneficiadas. Falamos de programas como Depotermal, Depo en marcha e Depo Aventura A Lanzada, no que este ano participaron 35 menores da vila.

En Baiona, a Deputación destinou 66.666,33 euros para a mellora da política social na vila, da que se están a beneficiar máis de 190 persoas. Con este investimento, a veciñanza pode contar co plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 9 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 20 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 20 veciñas e veciños do concello. Ademais, nos programas de lecer e respiro familiar deste 2018 están a ser máis de 120 persoas de Baiona as beneficiadas.