Noticias

A Deputación incrementa este ano ata os 177.000 € o financiamento da política social dos concellos do Morrazo con máis de 900 persoas beneficiarias

Os Servizos Sociais Comunitarios Básicos, o servizo de axuda no fogar (SAF), as axudas de emerxencia, a tele asistencia e os programas de ocio ou respiro familiar son iniciativas financiadas pola Deputación


25 agosto 2018
Financiamento da política social dos concellos do Morrazo

Co obxectivo de mellorar o benestar e a calidade de vida das cidadás e cidadáns e especialmente as familias que necesitan maior asistencia, a Deputación de Pontevedra, a través dos programas de Cohesión Social, está a financiar a política social dos concellos da provincia. No caso da comarca do Morrazo este ano beneficia ata o momento a máis de 900 veciñas e veciños dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña, cun investimento de 176.708,23 euros.

Estamos a falar dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos e o servizo de axuda no fogar (SAF); as axudas básicas de emerxencia e a tele asistencia, servizos dos que está excluída Cangas por ter máis de 20.000 habitantes, e todos os programas de ocio ou respiro familiar dependentes da Deputación de Pontevedra como Depotermal, Depo en marcha ou Depo Aventura A Lanzada, entre outros.

No caso de Bueu o Goberno provincial de Carmela Silva destinou no que vai de ano ás políticas sociais da vila un total de 68.357,66 € dos que se están a beneficiar preto de 220 veciñas e veciños do concello. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, que ofrece asistencia económica para os Servizos Sociais Comunitarios Básicos co servizo de axuda no fogar (SAF) que atendeu ao redor de 15 usuarias e usuarios en 2017; e as axudas básicas de emerxencias, que atenden as demandas das veciñas e veciños que se atopen en situación de risco ou exclusión social e que o pasado ano beneficiaron a 15 familias de Bueu. Finalmente, a Deputación tamén financia o programa de tele asistencia domiciliaria que apoia este ano 2018 a 17 maiores ou persoas con diversidade funcional do concello que viven soas ou con dificultades para desenvolver actividades cotiás. En canto aos programas de ocio, respiro familiar ou envellecemento activo, que buscan mellorar a calidade de vida das e dos participantes evitando o seu illamento social, este ano están a ser máis de 170 persoas do concello de Bueu as beneficiadas. Falamos, entre outros, de programas como Depotermal, que ofrece a posibilidade de pasar uns días – con ou sen pernoita – en balnearios da provincia; Depo en marcha para gozar dos obradoiros que ofrece a Deputación; e Depo Aventura A Lanzada no que este ano participaron 25 nenas e nenos da vila. Todas estas iniciativas teñen, ademais, prazas de balde para as familias con menos recursos.

En canto ao Concello de Moaña, a institución provincial investiu 99.930,72 euros para financiar as políticas sociais da vila, que están a beneficiar a máis de 450 persoas. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar (SAF) chegou a 15 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 251 usuarias e usuarios o ano pasado. Finalmente, o programa de tele asistencia domiciliaria apoia, este ano, a 12 veciñas e veciños do concello. Con respecto aos programas, neste 2018 están a ser ao redor de 180 persoas de Moaña as beneficiadas. Falamos de Depotermal, Depo en marcha e Depo Aventura A Lanzada, no que este ano participaron 34 nenas e nenos da vila.

En relación ao Concello de Cangas, cun investimento de 8.419,85 euros, son 230 veciñas e veciños os que están a gozar dos programas de actividades que promove a Deputación, como Depotermal e Depo en marcha. En canto ao que está destinado á xuventude, son 53 rapazas e rapaces os que saíron beneficiados do campamento de verán Depo Aventura A Lanzada.