Noticias

A Deputación incrementa ata os 150.000 euros as axudas a festivais musicais e de artes escénicas

Só poderán optar a esta liña de axudas os festivais que lle dean prioridade a programación e difusión da música e do teatro galego e que teñan ao menos dúas edicións consecutivas


09 febreiro 2019
Festivais musicais e de artes escénicas

A Xunta do Goberno provincial vén de aprobar na súa última sesión as bases da liña de axudas para o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas na provincia de Pontevedra durante o exercicio 2019. Estas axudas, para as que o ente provincial destina incrementa o orzamento ata 150.000 euros –na pasada edición foran 130.000-, poderán ser solicitadas por persoas físicas e xurídicas que carezan de fins de lucro ata o 15 de marzo e as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica. Esta convocatoria está orientada expresamente a apoiar aqueles certames que difundan teatro e música en galego e que se levasen a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas anteriores á presente edición.

Ao igual que na edición anterior, para os Festivais de Música as bases establecen que os certames deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito grupos, dos cales catro deben ser grupos galegos ou que teñan a presenza de máis de 15 compoñentes galegos e que se interpreten obras de autoría galega. Ademais deben incluír na programación actividades paralelas de posta en valor do sector musical galego ou de formación musical. Mentres, para os Festivais de Artes Escénicas tamén deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito compañías, das cales un mínimo de tres deben ser galegas ou que se poñan en escena obras de autoría galega e que empreguen a lingua galega nas súas representacións. A programación debe incluír actividades paralelas de posta en valor do sector teatral galego ou formativas.

En ambas modalidades, as entidades solicitantes teñen a obriga de empregar a lingua galega na comunicación nos diferentes soportes e no desenvolvemento das actividades paralelas, sen prexuízo do uso doutras linguas oficiais. Para adxudicación destas axudas teranse en conta criterios de valoración con respecto á ultima edición do Festival solicitante como son o número de grupos – compañías ou integrantes; a asistencia ao festival; as actividades ou accións paralelas realizadas; e as achegas propias ao proxecto. Tamén se terán en conta criterios con respecto á edición do 2019, como a antigüidade do festival; as actividades paralelas que se vaian levar a cabo; e a viabilidade do proxecto en relación á porcentaxe de subvención solicitada e orzamento total. Quedan expresamente excluídas desta convocatoria as actividades subvencionadas noutros programas e convocatorias provinciais e os festivais e certames organizados por bandas de música, asociacións e grupos folclóricos, rondallas, agrupacións e masas corais.

Esta liña de axudas, que fora convocada en 2017 p0r primeira vez, ten por obxecto xenérico impulsar os sectores das artes escénicas e musicais, por considerar que se trata de elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da provincia, e co fin de contribuír á promoción, protección e difusión do patrimonio cultural nestes dous ámbitos. Na pasada edición, no campo musical, resultaran beneficiarias as entidades que promoven o Festival Xironsa de Cambados; o Canjazz de Cangas; o Vilariño Folk de Cangas; o Festival Armadiña Rock de Poio; o Festival Alternativo Millo Verde de Redondela; o Festival IKFEM Eurocidade de Tui-Valença; o XV Revoltallo de Música Emerxente de Vigo; o Festival Rockin'Vila de Vilanova de Arousa; o Vilablues de Vilagarcía de Arousa; o Kanekas Metal Fest de Cangas; o Morrasound Rock Festival de Moaña; o Festival Intercéltico O Son do Pazo Mos; o Festival Rock In Río Tea de Ponteareas; e o Festival Groba da Asociación tamén de Ponteareas. No eido do teatro, as axudas beneficiaran a XXXV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, e para a XIX edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela.