Noticias

A Deputación incrementa ata os 130.000 euros as axudas a certames audiovisuais consolidados na provincia

Ao igual que en edicións anteriores, poderán optar a esta liña de axudas os certames que xa teñan realizado un mínimo de dúas edicións consecutivas e teñan unha duración mínima de catro xornadas


08 febreiro 2019
Festivais audiovisuais

A Xunta do Goberno provincial vén de aprobar na súa última sesión a liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia de Pontevedra para o ano 2019. As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica e o prazo de presentación rematará o 8 de marzo. Para a convocatoria deste exercicio incrementouse a partida orzamentaria ata os 130.000 euros –na anterior convocatoria ascendera a 90.000 euros-. Hai que lembrar que esta liña de axudas foi convocada por primeira vez en 2017 atendendo ás demandas das asociacións organizadoras dos principais festivais de curtas, documentais e cinema que se organizan na provincia, e que reclamaban unha liña estable de axudas con criterios obxectivables estables e transparentes.

Para optar a estas subvencións, os festivais deben levarse a cabo durante o ano 2019, ter unha duración mínima de catro xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións, que un mínimo do 10 % dos títulos sexan de produción ou dirección galegas, contar cun mínimo de dúas edicións consecutivas anteriores á convocatoria destas bases, que inclúa actividades paralelas educativas ou formativas, e que empreguen como mínimo a lingua galega na comunicación e no seu desenvolvemento. Na valoración das solicitudes teranse en conta criterios como a calidade da programación atendendo a premios ou nominacións; o número de espectadores do ano anterior; as actividades paralelas realizadas na anterior edición; e a viabilidade do proxecto tendo en conta achegas doutra entidades e patrocinios. Tamén se valorarán o número de edicións xa realizadas, as actividades paralelas previstas para a edición 2019 e a previsión orzamentaria para o ano da solicitude.

Esta liña de axudas enmárcase na filosofía do Servizo provincial de Cultura e Lingua de impulsar o sector audiovisual galego, considerado como estratéxico para a provincia; apoiar a consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e darlle rendibilidade social e económica á cultura galega; promover a busca da excelencia nos produtos culturais galegos, coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos; e fomentar marcos e espazos expositivos para a promoción dos produtos audiovisuais galegos na provincia.

Na pasada edición foran 8 os certames admitidos nesta liña de axudas: o Play- Doc de Tui; O Festival de Cans do Porriño; O Festival de Curtas Armadiña de Poio; o Festival Novos Cinemas de Pontevedra; o Festival de Cine Inclusivo e o Festival Primavera de Cine, ambos de Vigo; o Curtas Film Fest de Vilagarcía; e o FIC de Bueu.