Noticias

A Deputación incorpora máis de 30 millóns de euros ao seu orzamento de 2018

Carmela Silva destaca que esta nova financiación suporá un maior apoio aos concellos, a aposta polo tratamento de residuos máis respectuosa co medio, a transformación da mobilidade e un cambio no modelo turístico


16 febreiro 2018
Rueda de prensa

A Deputación de Pontevedra vai incorporar máis de trinta millóns de euros ao orzamento de 2018 coa aprobación dun expedinte de modificación do orzamento para a incorporación de remanentes e suplementos de créditos. Así o destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera nunha rolda de prensa esta mesma mañá.

Esta nova financiación de case 31 millóns de euros "correspóndese con todos os obxectivos plasmados no acordo de Goberno do ano 2015", segundo resaltou Silva. "Apoio aos concellos para garantir servizos respectando a autonomía local e dedicando máis recursos aos concellos máis pequenos; a aposta polo tratamento de residuos urbanos respectuoso co medio ambiente; unha transformación radical da actuación nas infraestruturas provinciais baseada nos principios de mobilidade, seguridade viaria e accesibilidade universal; o cambio do modelo turístico da provincia apostando por un turismo sostible; o apoio a igualdade, a cultura e a cohesión social; aposta por unha política forestal que valorice os nosos montes e sexa unha ferramenta contra os lumes; e recursos para o desenvolvemento de actuacións a través de convenios coas cidades de Pontevedra e Vigo", recordou a presidenta.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, indicou que a suma de 31 millóns de euros de remanentes ao orzamento de 2018 deixa claro que a institución provincial "ten unha saúde económica moi boa" xa que "somos un Goberno que está gobernando". O nacionalista destacou que a administración provincial é a primeira institución que ten feita a liquidación dos seus orzamentos, sabe de cantos remanentes líquidos pode dispoñer –36 millóns de euros–, e xa ten destino para 31 deles, "todo elo cunha grande velocidade".

Mosquera apuntou que o orzamento total deste ano acadará os 190 millóns de euros
–destinados a cubrir políticas, necesidades e propostas recollidas no acordo de Goberno–, engadindo que de cara a mediados de ano se poidan financiar novos proxectos e actuacións.

Exactamente a partida a incorporar será de 30.829.000 euros, dos cales 7.451.272 euros serán destinados case na súa totalidade aos concellos con menos de cincuenta mil habitantes para actuacións de mellora da súa seguridade viaria, accesibilidade nos municipios e melloras da súa eficiencia enerxética. "Vai ser un novo plan dando resposta a unha demanda xeneralizada dos propios concellos de maneira que teñan recursos para desenvolver proxectos nos viarios municipais baixo as premisas de seguridade viaria, mobilidade e accesibilidade", destacou a presidenta. Este novo plan de actuación se aprobará no próximo Pleno de marzo e terá unha financiación de once millóns de euros entre 2018 e 2019, "dos cales para este año poñemos sete millóns de euros. Súmase este nova cantidade aos 42 millóns de euros do Plan Concellos e os 18 millóns de euros do Plan de reequilibro. Podemos afirmar que os concellos desta provincia nunca recibiron tantos recursos económicos desta administración", salientou a presidenta da Deputación.

Ademais os outros 23,3 millóns de euros do suplemento de créditos irán destinados, 7,5 millóns a convenios con concellos; melloras na rede provincial e mobilidade local dos concellos, 4,8 millóns de euros; o Plan de reequilibrio e mellora de equipamentos e infraestruturas, catro millóns de euros; para o tratamento de residuos 1,1 millón de euros e para a mellora de diversas instalacións da Deputación,  dous millóns de euros. En concreto, neste último apartado se dedican máis de 1,4 millóns de euros para melloras nas instalacións do centro Príncipe Felipe. O vicepresidente destacou que se trata dun plan moi ambicioso para actualizar e mellorar os edificios "en contra das apocalipses e supostas intencións torticeiras que tiña este Goberno con Príncipe Felipe".

Para a promoción turística, 500.000 euros. Para as infraestruturas da rede provincial e as dos concellos, 4,8 millóns de euros. Para inversión en novas tecnoloxías se dedican 415.000 euros . Na área de deportes dedícanse 545.000 euros. Para melloras nas instalacións do CAAN máis de 160.000 euros, realizaranse obras para acondicionar e ampliar as instalacións da zona de hospitalización, de corentena, de maternidade e cachorros para así poder aplicar a nova Lei de protección animal con todas as garantías.

Para as políticas de Igualdade, máis de 95.000 euros. Para diversas accións culturais, 975.000 euros. E para melloras na Escola de Cantería se dedican douscentos mil euros.

En partidas concretas, Mosquera salientou que se destinarán 11 millóns de euros a un novo plan de actuacións nas vías municipais que seguirá os principios dos plans de actuación da rede viaria provincial. Así destacou que "desenvolvemos o Plan MÓVESE I e imos xa polo Plan MÓVESE II para actuar na nosa rede de estradas provinciais. Agora damos un paso máis, un salto, para estendelos ás vías municipais porque sabemos que hai demanda e que hai concellos que non teñen recursos. Seguro que haberá moitos milleiros de peticións", destacou.

Finalmente, Carmela Silva recalcou que "hoxe temos que anunciar que 31 millóns de euros, que moi maioritariamente van a ir os concellos, para que podan xestionar os seus proxectos. Nunca se destinaron tantos recursos aos concellos respectando a súa autonomía e querendo transformar a provincia coas actuacións nos 61 concellos".