Noticias

A Deputación impulsa unha campaña "por un xogo igualitario e non violento"

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que "esta campaña impulsa a compra de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos, coa finalidade de crear unha sociedade máis igualitaria e xusta"


04 dec 2015
Por un xogo igualitario e non violento
Por un xogo igualitario e non violento

Unha das liñas estratéxicas do novo goberno da Deputación de Pontevedra é o fomento da igualdade entre mulleres e homes. Neste eido, a educación desde o berce, tal e como manifestou hoxe a presidenta provincial, "é fundamental para conseguir que a igualdade se converta nunha realidade, máis alá das leis ou as declaracións".

Coa inminente chegada das compras do Nadal Silva asegurou que "é o momento idóneo para realizar un chamamento á reflexión sobre a adquisición de xogos, xoguetes, libros ou videoxogos para as cativas e os cativos, impulsando a compra de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos. Soamente así poderemos crear unha sociedade máis igualitaria e xusta entre mulleres e homes, con rapazas e rapaces que aprendan a dialogar e a vivir xuntos en paz, a ser máis creativos, a ter os seus propios criterios, a xogar en liberdade sen estar orientados, desde o berce, a realizar determinadas actuacións ou comportarse dun modo concreto".

A presidenta engadiu, ademais, que "os estereotipos, que existen na sociedade e que se trasladan a través dos medios de comunicación, impiden o desenvolvemento de capacidades e habilidades de nenas e nenos. Non se trata de forzar as nenas e os nenos a xogar con xoguetes ou xogos que non lles gustan, pero tampouco de impedirlles empregar xoguetes atribuídos pola sociedade ao outro sexo". 

Por todo iso, a Deputación de Pontevedra, a través desta campaña, propón un decálogo para a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos.

Fotos