Noticias

A Deputación impulsa o proxecto para a mellora de mobilidade peonil no barrio do ferrocarril de Arbo, no que se investirán 663.000 euros

A esperada actuación desenvolverase na intersección das estradas provinciais EP-5202 e EP-5203 e transformará de xeito integral este singular contorno baixo o modelo de mobilidade sostible e prioridade para as persoas da institución


30 maio 2021
Mellora do barrio do ferrocarril

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ao expediente para a contratación das obras de mellora da mobilidade peonil na intersección das EP-5202 e EP-5203, no barrio do ferrocarril do concello de Arbo. Trátase do paso previo á licitación destes traballos, que teñen un orzamento de 663.200 euros e un prazo de execución estimado de doce meses, e cos que a institución dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza deste concello ao abeiro do seu modelo de mobilidade sostible e segura.

Será unha obra que vai revolucionar o barrio do ferrocarril en Arbo, unha das zonas do concello con maior identidade e supón o maior investimento da Deputación neste municipio ata o momento. As obras serán financiadas a través dun convenio co Concello de Arbo, no que ambas as dúas institucións achegarán respectivamente o 70 e o 30 % do orzamento, aínda que a contía municipal correspondente a este ano, de 99.480 euros, será sufragada tamén con cargo a unha achega do Plan Concellos 2021.

As obras levaranse a cabo nun tramo de case medio quilómetro situado entre o contorno da capela de San Antonio e a estación de tren, adaptándose a un contorno singular e aos elementos patrimoniais de valor ao longo do seu trazado, e comprenderán dúas zonas de actuación. A primeira transcorrerá no entronque das dúas estradas provinciais, no contorno da capela de San Antonio, que se converterá nunha zona de prioridade peonil na que, ademais de outras actuacións, se instalarán pasos peonís elevados para reducir a velocidade dos vehículos (máximo de 20 quilómetros por hora). Así mesmo, disporá de beirarrúas cun mínimo de 2,5 metros de ancho para enlazar coa zona de convivencia.

Para a segunda zona habilitarase unha zona de convivencia (310 m), desde o entronque das estradas cara a estación de tren de Arbo, na que levarase a cabo unha senda cun ancho mínimo de 2,5 metros e plataforma única na zona de coexistencia de tráfico rodado e peonil, na que as persoas teñan preferencia. Colocaranse tamén escavas cada 25 metros delimitados por bandas de lousas de granito. As obras completaranse coa mellora das redes de abastecemento, saneamento e iluminación, cunha aposta polo emprego de recursos sostibles ao instalar 24 novas luminarias LED e restaurar as 12 unidades xa existentes.