Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa o innovador Plan de reactivación para a Finca Mouriscade que a converterá nunha referencia en xenética

Será un cambio radical e un xiro de 180º, que "nace das propostas dos concellos e do sector privado, a primeira vez que se fai na Finca Mouriscade", asegurou a presidenta, Carmela Silva


18 novembro 2020
Carmela Silva presenta o plan de reactivación de Mouriscade

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá o ambicioso Plan de reactivación para a Finca Mouriscade ao sector e aos alcaldes e alcaldesas das comarcas de Deza e Terra de Montes. Será un cambio radical e un xiro de 180º que "nace das propostas dos concellos e do sector privado" –asegurou Silva– e apostará por modernizar este espazo, fundamental para o desenvolvemento económico do norte provincial, e convertelo nunha referencia en xenética gandeira.

O Plan de reactivación para a Finca Mouriscade conta con catro programas forza: a redución da venda do leite, a mellora xenética, un plan de recría e outro de comunicación. Para a posta en marcha de estas propostas, ademais da reestruturación orgánica da finca que pasar a estar integrada no Servizo de Medio Ambiente contando con dúas xefaturas de seccións de laboratorio e granxa, se crearon dous  comités, un de persoas expertas e outro informativo.

En canto ao programa de redución da venda do leite, a presidenta da Deputación explicou que o obxectivo é evitar competir co sector gandeiro da provincia, "tal e como o demanda o sector e os alcaldes e alcaldesas", e ampliar a acción da granxa, que "non pode limitarse a ser unha simple explotación leiteira". Para iso reduciremos a cabana de nais ata acadar o número mínimo recomendado polo persoal técnico da finca, manténdose o robot de muxido non só para a produción do leite senón tamén para procesos de investigación cos que analizar a produción láctea vinculada á alimentación.

No que atinxe á mellora xenética, estase a traballar xa na adquisición de material xenético para mellorar a cabana da provincia e a gandería de Mouriscade en colaboración co comité de persoas expertas. A presidenta provincial tamén adiantou que se vai optimizar o sistema de implantación embrionaria con entre outras medidas a compra dun laboratorio móbil para mellorar o servizo ás e aos gandeiros ou a creación dun sistema web para a venda do material xenético. Así tamén se ampliarán as canles de colaboración co sector para retroalimentar o programa de mellora.

Para a produción de animais de alto valor xenético tamén se vai lanzar un plan de recría que supón, tal e como explicou Carmela Silva, ademais da mellora nas dotacións habitacionais dos animais, unha aposta clara pola mellora xenética da cabana propia. Crearemos tamén un sistema de poxa na propia finca que permitirá achegar estes animais de alto valor xenético ás gandeiras e gandeiros, traballando co persoal da granxa  na preparación dos animais para mellorar o manexo.

E, finalmente, lanzarase un plan de comunicación que contempla, entre as súas iniciativas, a difusión da tecnoloxía aplicada a través de xornadas de portas abertas; a apertura da explotación gandeira e do laboratorio a visitas de alumnado de centros de ensino; a procura de novas sinerxías coa Universidade de Vigo e facultades de Veterinaria e Enxeñaría Agrícola de Galicia e a participación en feiras e eventos e cursos de formación.

Este plan, e en concreto as accións vinculadas a mellora xenética,  recibirán o seguimento do comité de persoas expertas, que se reunirá trimestralmente, e estará integrado por representantes do sector. Así pois, dúas persoas do colectivo Africor, Jesús Manteiga e José Luís Meijome; dúas persoas representantes elixidas por unanimidade polas cooperativas das comarcas de Deza e Terra de Montes, Jesús María Montes e Álvaro Pérez e unha representante designada pola Asociación pola Defensa Sanitaria Xundeva, Gloria Martínez Sanz, acompañarán ao deputado delegado Manuel Gonzalez e a responsable designada desde o gabinete de Presidencia, Paula Fernández e o resto das xefaturas técnicas de Mouriscade.

Tamén "con este obxectivo de mellora continua e para impulsar prácticas de bo goberno" xorde o comité informativo, que, integrado por todos os alcaldes e alcaldesas de Deza- Tabeirós-Terra de Montes, o deputado delegado, a responsable do gabinete e a xefatura de servicio, "pretende servir de ferramenta de canalización de achegas e suxestións das e dos representantes electas/os da cidadanía" en palabras da presidenta .

A presidenta da Deputación asegurou que o Plan de reactivación da Finca Mouriscade estará ademais encamiñado a dar cumprimento aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, concretamente o ODS 2 de fame cero, a través de prácticas agrícolas sustentables e diversidade xenética; o ODS 6 de auga limpa e saneamento, a través da investigación na calidade da auga e contaminación de augas residuais; o ODS 9 de industria, innovación e infraestrutura, aumentando a investigación científica e capacidade tecnolóxica; o ODS 12 de produción e consumo responsable, previndo, reducindo, reciclando e reutilizando refugallos; e o ODS 17 de alianzas para lograr os obxectivos, establecendo alianzas eficaces nas esferas pública, público-privada e da sociedade civil.

A Finca Mouriscade conta con 44 hectáreas e 140 cabezas en total. Destaca pola súa importancia o programa de transferencias embrionarias para a gandería de Pontevedra e conta cun laboratorio acreditado pola ENAC, que realizou o pasado ano mais de 75.000 analíticas. Ten asinado un acordo de colaboración co laboratorio Rock River, que sitúa a Mouriscade como o primeiro de España en traballar conxuntamente con este referente mundial en análises internacionais. Ademais, dispón dunha planta de Biogas que permite xestionar o purín e producir unha parte da electricidade que consume a finca. Neste último aspecto, a presidenta adiantou que a Deputación ten presentado un proxecto para concorrer aos fondos europeos para o estudo da autoxestión dos puríns na finca e, en canto ao proxecto que a Xunta ten remitido a Europa para a posta en marcha dunha gran planta de biogás, amosou a súa confianza en que "con financiación europea ou sen ela desde a institución autonómica se poñan en marcha solucións definitivas para arranxar este problema".

O Plan de reactivación para a Finca de Mouriscade, en liña co firme compromiso do Goberno provincial co sector primario, non está rifado cos pasos que a Deputación está a dar para conseguir a cesión de Mouriscade á Xunta de Galicia, a administración con competencias nesta materia.