Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa este mes de outubro novas iniciativas para dinamizar os viveiros de empresas de Barro e Lalín

Entre as actividades destaca a posta en marcha da nova web dos viveiros e os programas "Viveiro Co-creador: creando comunidade", "PorcoLab" e "Emprender chanzo a chanzo"


09 outubro 2019
Viveiros de empresas

Co obxectivo de seguir a dinamizar o viveiro de Barro e o de Lalín, o Goberno de Carmela Silva acaba de programar unha serie de iniciativas para este mes de outubro, entre as que destacan a actualización da web dos viveiros, así como os programas "Viveiro Co-creador: creando comunidade", que se desenvolverá no viveiro de Barro, e "PorcoLab" e "Emprender chanzo a chanzo: idea, reflexiona e define", que terán lugar no viveiro de Lalín.

A páxina web dos viveiros da Deputación (www.depo.gal/viveiros-de-empresas) foi recentemente actualizada, co obxectivo de facela accesible a todos os dispositivos, así como convertela nun espazo máis moderno e claro. A través dela é posible consultar información relativa aos espazos e servizos dispoñibles, requisitos de acceso e contacto, e información sobre empresas que forman parte dos viveiros e as actividades que se desenvolven neles.

Ademais da renovación da web, este mes de outubro terá lugar no viveiro de Barro o programa "Viveiro Co-Creador: creando comunidade". Neste eido, a cita terá lugar este xoves 10 de outubro, de 11.00 a 13.30 horas, e consistirá nun punto de encontro e coñecemento a través de dinámicas colaborativas entre as persoas viveiristas. Deste xeito, as e os viveiristas a través da formación, poderán reflexionar, debater, discrepar, acordar e crear de xeito individual e grupal.

No caso do viveiro de Lalín, poranse en marcha dúas iniciativas. A primeira delas, "PorcoLab: laboratorio de emprendemento social", terá lugar os días 15, 22 e 29 de outubro, entre as 11 e as 14 horas, e trátase dun programa formativo, experiencial e innovador dirixido a entidades e colectivos sociais das comarcas de Deza e Terra de Montes. O principal obxectivo de PorcoLab, que emprega metodoloxías de traballo como Design Thinking, Lego Serious Play ou Lean Startup, é traballar conxuntamente con outras entidades e/ou persoas para detectar e visibilizar necesidades reais do territorio e procurar solucións ás mesmas.

Finalmente, e tamén no viveiro de Lalín, terá lugar a iniciativa "Emprender chanzo a chanzo: Idea, reflexiona e define", co obxectivo de facilitar ao alumnado de Ciclos Formativos ferramentas relacionadas coa súa visión e iniciativa emprendedora. Neste eido, esta actividade terá lugar o 17 de outubro e nela participará alumnado do IES Pintor Laxeiro (Silleda) e IES Ramón María Aller (Lalín).