Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa as obras de recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro en Barro

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación destes traballos, presupostados en 303.282 euros e cun prazo de execución de seis meses


22 maio 2021
Melloras na estrada Curro Portela

A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde ao expediente de contratación da recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP 0508 Curro-San Amaro, no municipio de Barro, paso previo para a licitación desta actuación que ten un orzamento de 303.282 € e será sufragada ao 100 % pola institución provincial, xa que a aportación municipal de 90.984 euros sufragarase a través dunha achega do Plan Concellos.

Baixo os parámetros do modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial, esta actuación desenvolverase na EP-0508 Curro-San Amaro ao seu paso pola praza de San Amaro, e permitirá recuperar este contorno para as persoas cun novo espazo de convivencia a carón da capela de San Amaro, nunha zona de gran tradición e valor patrimonial que atravesa o Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

A obra prevé a creación dunha zona de convivencia elevada a 10 centímetros da rasante da estrada actual, que se construirá con pavimentos de pedra e se dotará de mobiliario urbano moderno e de deseño con bancos de pedra. A maiores, executarase unha nova rede de pluviais, procederase ao soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións existentes e executarase unha nova rede de fecais e iluminación pública con luminarias led de deseño. Os traballos, que teñen un prazo de execución de seis meses, completaranse coa instalación dunha nova sinalización horizontal e vertical e o acondicionamento de todo o ámbito coa plantación de árbores.