Noticias

A Deputación honrará aos cargos e funcionariado represaliados en 1936 nun acto de reparación da Memoria Histórica

Trátase do primeiro acto deste tipo que se realiza na institución provincial e participarán familiares das vítimas, asociacións de Memoria Histórica e representantes dos concellos da provincia


10 nov 2016
reparación da Memoria Histórica
reparación da Memoria Histórica

"Para respectar hai que lembrar, e para reparar hai que coñecer" afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a presentación do acto institucional de Reparación da Memoria Histórica que se celebrará o vindeiro sábado no Pazo provincial. Coincidindo co día exacto do 80 aniversario do fusilamento en Campañó de dous presidentes e un membro da comisión xestora da Deputación de Pontevedra -12 de novembro de 1936-. No mesmo día tamén se honrarán tres presidentes máis e o asesor xurídico que tamén sufriron represión por defender as súas posicións democráticas. Deputado fixo fincapé en que "se trata dun acto de reparación e de xustiza para coas persoas desta institución que padeceron a barbarie do fascismo, que foron represaliados, xulgados, encarcerados, torturados, e mesmo asasinados". Os cinco presidentes que se honrarán no acto son Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Amancio Caamaño Cimadevila, Joaquín Maquieira Fernández, José Adrio Barreiro, e Maximilano Pérez Pego. Os dous funcionarios son Ramiro Paz Carbajal, membro da comisión xestora, e José García Vidal, asesor xurídico.

Na presentación, Xosé Leal estivo acompañado por familiares de dúas das vítimas: José Luis Adrio, fillo de José Adrio, e Cubana Fernández, neta de José García Vidal. "A importancia deste tipo de actos non radica só en que sexa un acto de xustiza para coas vítimas, senón en que a Memoria perviva, e que a transmisión que fan os familiares directos continúe nas persoas novas que coñecen a súa historia a través destes actos, para que as xeracións máis novas saiban todo o acontecido en 1936" sinalou o deputado.

O acto institucional comezará, ás 12:30, coa colocación dunha placa no xardín da Deputación en referencia ao papel que os dous edificios provinciais xogaron durante a represión: o actual Edificio Administrativo foi convertido en cárcere e no Salón de Plenos do Pazo provincial celebrábanse os consellos de guerra contra as persoas represaliadas. Leal definiu a colocación desta placa como "un recordatorio da historia negra que tivo este entorno durante esa época, e na memoria de todas as persoas xulgadas, encarceradas e torturadas nestes dous edificios".

Posteriormente, no Salón de Plenos desenvolverase un acto de homenaxe no que estarán presentes descendentes das vítimas, representantes dos concellos de toda a provincia, e asociacións de Memoria Histórica. Neste acto intervirá Begoña Caamaño -neta de Amancio Caamaño- no nome dos familiares das vítimas, e a xornalista e escritora Montse Fajardo que fará unha semblanza do que foi a represión na Deputación. "Queremos que o acto inclúa non só aos cargos políticos como cabezas visibles, senón tamén ao funcionariado e aos traballadores que foron destituídos dos seus postos e non puideron seguir desenvolvendo o seu traballo" asegurou o deputado.

Na presentación desta mañá, tanto Cubana Fernández como José Luis Adrio coincidiron en agradecer a celebración deste tipo de homenaxes como unha forma de recoñecemento ás "persoas que padeceron toda aquela barbarie". Cubana Fernández sinalou que o recoñecemento debe ser extensivo " non só aos que perderon a vida, senón tamén aos que salvaron a vida pero perderon a dignidade". Explicou ademais que o seu avó "como avogado tiña unha fe extraordinaria na xustiza, porque pensaba que era a mellor ferramenta para a convivencia". José Luis Adrio aproveitou a súa intervención para defender o papel de "todas as persoas que padeceron e sufriron a barbarie, non só meu pai, senón todos os homes e todas as mulleres de toda a provincia que defenderon a liberdade, a democracia e a República".

O vindeiro sábado, antes deste acto institucional, as asociacións adheridas á Iniciativa Galega pola Memoria celebrarán unha xuntanza na Sala de Xuntas do Pazo provincial aproveitando o simbolismo da data e deste acto. Será unha xuntanza de traballo na que avanzarán nas accións e iniciativas da súa axenda do vindeiro ano. A este respecto, Xosé Leal tamén anunciou que para o 2017 "a Deputación elaborará un mapa de lugares da Memoria, cos lugares da represión, que é un compromiso cos familiares e tamén coa sociedade en xeral". O deputado de Cultura e Lingua tamén fixo un repaso polas iniciativas promovidas desde o seu departamento no presente exercicio para a recuperación da Memoria Histórica. Mencionou que ao abeiro da liña de axudas do Ano Castelao, foron seis os colectivos que presentaron iniciativas neste campo; a través do Pontegal proxectáronse documentais sobre a Memoria en diversos concellos da provincia, e a través do Servizo de Publicacións editouse o libro "Daniel Calzado Poceiro. Un alcalde agrarista". 

Máis información