Noticias

A Deputación homenaxea a Carvalho Calero como unha das ‘figuras máximas' da lingua galega nos actos das Letras Galegas en Vigo

A presidenta, Carmela Silva, e a Deputada María Ortega presentaron hoxe o libro de Aser Álvarez ‘Carvalho Calero sem fronteiras' no marco dun recital musical na sede provincial da cidade olívica


23 outubro 2020
Persoas en homenaxe a Carvalho Calero

O Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra levou hoxe a Vigo a Carvalho Calero. E fíxoo da man do autor Aser Álvarez e o músico Moisés Quintas na presentación do libro Carvalho Calero sem fronteiras, unha obra na que se homenaxea e reivindica a un home "pioneiro, valente e cunha historia épica, que foi inxustamente tratado".

O acto contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e da deputada de Lingua, María Ortega, promotora do evento dentro da programación provincial das Letras Galegas 2020. Ortega reivindicou a necesidade de que todas as administracións en todas as cidades e vilas de Galiza poñan en valor a figura de Calero, ao que definiu como unha das figuras ‘máximas' da lingua galega. Tamén aproveitou para resaltar a importancia de realizar actos culturais a favor da lingua galega nestes momentos de pandemia sempre coas máis estritas medidas de seguridade, para que "a nosa lingua tamén supere o confinamento". "Hai que programar en galego", insistiu.

O evento, que foi retransmitido en streaming pola web da Deputación, comezou cun recital poético e musical acompañado por unha peza audiovisual. Despois, Aser Álvarez explicou que a idea de Carvalho Calero sem fronteiras xurdiu a raíz dun proxecto multimedia no que Arraianos Producións comezou a traballar a primeiros de ano coa necesidade de divulgar a vida e a obra de Calero.

O autor indicou que Carlvalho Calero foi o primeiro en moitísimas cousas: o primeiro que escribiu unha novela en galego despois da guerra, o primeiro que fixo unha gramática en galego, dos que fixo parte da primeira xeración de avogados da Segunda República, o primeiro que redacta un anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza… "O primeiro en moitas cousas, e curiosamente dun xeito inxusto é moi descoñecido", sinalou.

Álvarez destacou que na produción do libro houbo unha figura clave que foi a filla maior de Calero por abrir o seu arquivo familiar. "Unha das ideas que se nos ocorreu foi facer un pequeno libro divulgativo no que en lugar de contar nós a historia de Calero, fose o propio escritor o que a conta a través de libros de conversas que ten con diferentes persoas", dixo Álvarez. Así, o libro fíxose a través das palabras de Calero e dos seus poemas, "porque se hai algo que se mantén en toda a vida de Calero é a súa vocación poética".

No recital poético musical que acompañou á presentación de hoxe participou tamén Moisés Quintas á guitarra, autor da banda sonora orixinal do primeiro documental feito sobre Calero por parte de Arraianos Producións e doutro documental que está en marcha agora que tamén levará o título de Carvalho Calero sem fronteiras, que se distribuirá entre o alumnado dos centros educativos.

"Estes audiovisuais, o recital e o libro son diferentes maneiras de expresar e divulgar a vida e obra deste home tan pioneiro, tan valente e cunha historia tan épica. Reivindicalo e dalo a coñecer por ter sido tan inxustamente tratado e que, aínda despois de estar agardando 20 anos a que se lle dediquen as Letras Galegas, aínda lle cae enriba a pandemia", bromeou Álvarez.

Fotos

Vídeos