Noticias

A Deputación de Pontevedra formaliza a compra de importante material xenético cara ao Plan de mellora da cabana gandeira da provincia

Mouriscade xa traballa con tres das empresas máis potentes do mundo e a Comisión de Expertos decidiu novos investimentos para adquirir máis embrións con estes elevados índices de calidade


05 febreiro 2021
Videoconferencia finca mouriscade

Novo paso adiante no ambicioso Plan de reactivación da finca Mouriscade que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver na finca de Deza. Na reunión que tivo lugar nas últimas horas da Comisión de Expertos, integrada por persoal técnico o representantes do sector gandeiro da provincia, confirmouse a compra de material xenético de altísima calidade destinado ao programa mellora da cabana gandeira da provincia, obxectivo prioritario do plan.

Trátase de tres novos contratos con empresas nacionais e internacionais, Embriomarket, S. L., Xenética Fontao e Semex España, provedoras da mellor xenética da raza frisoa, que supoñen a adquisición de embrións con índices de calidade, dos máis altos do mundo. De feito, os primeiros embrións chegados a Mouriscade xa foron transferidos a animais da granxa. Esta operación permite á Deputación de Pontevedra a poñer á disposición do sector gandeiro da provincia material xenético procedente de animais de "elite mundial", un programa de investimento que terá unha segunda compra tal e como decidiu a comisión e da que se informará na vindeira reunión das alcaldesas e alcaldes da comarca.

Ase mesmo, tamén se informou das últimas novidades implementadas na granxa para a mellora do benestar animal, que permitiron unha significativa redución do nivel de células somáticas entre as reses. Se trata de probas preliminares que están a arroxar interesantes datos que poderán ser exportables ao resto de ganderías o que permitirá unha mellora importante e significativa da cabana provincial.

Datos laboratorio

Na Comisión de Expertos tamén deuse conta dos datos de analíticas realizadas no laboratorio de Mouriscade no ano 2020 que ascenderon a 73.610 mostras procedentes de diferentes puntos do Estado e de Europa.

Do conxunto de mostras analizadas 30.629 pasaron polo laboratorio de Mouriscade para a análise de químicos, 18.450 para determinacións microbiolóxicas e 26.499 para análises mediante a técnica quimiométrica NIR. No que respecta á natureza das mostras analizadas durante o ano pasado, a maior parte delas, un 37 % das recibidas, foron ensilados de herba e millo, racións unifeed e forraxes. Ademais, un 23 % foron pensos e mesturas e un 14 % mostras de leite para determinacións microbiolóxicas. O resto das mostras analizadas correspóndese con materias primas, entre as que destacan a soia, o millo ou o trigo, e diferentes tipos de produtos nutricionais empregados en alimentación animal.

A Deputación de Pontevedra bonifica a aquelas analíticas procedentes de ganderías, o que supuxo un aforro de 75.255 euros ás gandeiras e gandeiros da provincia. Do total das mostras recibidas 12.518 chegaron a Mouriscade de gandeiras e gandeiros da provincia suxeitos a bonificación, delas 2.209 foron mostras de ensilados e o resto, 10.309, de leite.