Noticias

A Deputación financia tres novas actuacións en Cerdedo-Cotobade coa liña 1 do Plan Concellos

Cun total de 136.000 euros, levaranse a cabo obras de pavimentación en Borela, melloras no lugar de Lombo de Muíño e unha nova área infantil no lugar do Igrexario


29 marzo 2019
Plan Concellos 2018-2019

Mediante resolucións presidenciais, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar tres novos investimentos para Cerdedo-Cotobade ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2019, por un total de 136.700,11 euros. En concreto, executarase unha nova área infantil no lugar do Igrexario e levaranse a cabo obras de ensanche e pavimentación en Borela e traballos de mellora no lugar de Lombo de Muíño.

Máis polo miúdo, destinaranse 47.690,83 euros para a creación dunha nova área infantil no lugar do Igrexario, na parroquia de Valongo. Outros 46.095,28 euros serán para obras de ensanche e pavimentación en Borela; e por último, 42.914 euros financiarán melloras no lugar de Lombo de Muíño, en San Xurxo de Sacos.