Noticias

A Deputación financia outras dúas actuacións en Redondela por máis de medio millón de euros

Con estes investimentos do Plan Concellos 2019 financiaranse as obras no contorno do pazo de Torres de Agrelo e a mellora de accesos ao paso superior da liña 810 de Adif


30 marzo 2019
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno dous novos investimentos por un valor de 578.467,6 euros para Redondela con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, 438.708,03 euros para financiar os servizos e pavimentación no contorno do pazo de Torres de Agrelo, e outros 139.759,57 euros destinados á mellora de accesos ao paso superior no PK161+500 da liña 810 de Adif, de Monforte de Lemos a bifurcación Chapela, Os Valos.

A primeira das actuacións comprende a execución das obras necesarias para dotar dos servizos de saneamento e abastecemento a diferentes núcleos situados no contorno do pazo de Torres de Agrelo. Así, as obras implican actuacións na rede de saneamento de augas fecais, na rede de augas pluviais, na rede de abastecemento, e, tamén, a pavimentación e reforzo do firme.

Pola súa banda, a mellora de accesos ao paso superior da liña 810 de Adif require a realización de movementos de terras, muros de cachotaría, pavimentación, a limpeza dos elementos de drenaxe, e a mellora da seguranza viaria coa instalación en diferentes puntos do ámbito de actuación de elementos redutores de velocidade.