Noticias

A Deputación de Pontevedra financia o arranxo da cuberta do auditorio de Lalín e a pavimentación de case 7 quilómetros de camiños rurais

Santos Héctor: "Con estas obras, valoradas en case medio millón de euros, recuperamos un equipamento emblemático para Lalín e tamén melloramos servizos importantes para a veciñanza do rural"


09 decembro 2020
Alcalde, diputados e outras personalidades posando nas obras do camiño de Lalín

Lalín reparou a cuberta e as instalacións interiores do seu auditorio municipal e pavimentou case 7 quilómetros de vías municipais, principalmente camiños rurais, gracias ao financiamento regrado que achega a Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, acompañado da deputada Laura Iglesias e do deputado Manuel González, visitaron hoxe o conxunto das obras valoradas en preto de medio millón de euros, acompañados/as polo alcalde, Xosé Crespo, e varias concelleiras e concelleiros.

Durante o periplo institucional pola localidade dezana houbo tempo de comprobar o resultado das reparacións no auditorio, que quedara seriamente danado en febreiro de 2017 tralo paso do temporal de vento e choiva Ana, e de visitar tres das 19 pavimentacións realizadas, como son un acceso ao polígono Lalín 2000, unha camiño rural e a estrada Maceira-Pedroso, que comunica con Rodeiro, esta última cun importe singularizado duns 90.000 euros.

Santos Héctor expresou a súa satisfacción por poder comprobar in situ os resultados de "dúas actuacións importantísimas e ben distintas". "Son case medio millón de euros entre ambas e son uns recursos importantes que están moi ben investidos porque recuperan un equipamento emblemático no centro urbano e dotan dun pavimento adecuado a uns camiños e pistas que presentaban danos e desgaste". O deputado felicitou ao Concello de Lalín polo seu esforzo e determinación para facilitar a vida das veciñas e veciños do rural "con servizos de calidade e accesos dignos".

Destacou que a presidenta, Carmela Silva, xa estivo en Lalín en 2017, "comprobando de primeira man os danos tralo paso do temporal Ana e xa daquela comprometérase a axudar ao Concello de Lalín, e hoxe podemos dicir que fixémolo". Ao seu xuízo, o Plan Concellos volveu demostrar a súa fortaleza como instrumento flexible de colaboración institucional a prol da veciñanza. "Hai poucos días que vimos de aprobalo para o ano 2021, o que permitirá que os concellos teñan coñecemento dos recursos dos que van dispor e seguir afrontando obras que son moi necesarias por toda a provincia".

O alcalde, Xosé Crespo, agradeceu a presencia dos tres deputados e gabouse da amizade "cun vello compañeiro de fatigas" como Santos Héctor e defendeu "a política de cooperación, a política ben entendida". Crespo coincidiu na utilidade do Plan Concellos, que cualificou como "un gran plan, porque achega recursos importantes e permítenos meter os cartos nas nosas necesidades". Ao seu xuízo, "outros organismos dan subvencións finalistas e difíciles de levar a cabo". "Tómannos por parvos, como menores de idade, como se non souberamos as nosas necesidades, mentres o Plan Concellos ofrece un gran abano de posibilidades, permitíndonos aproveitalo".

As obras no Auditorio de Lalín, cun orzamento de 375.067 euros, permitiron repoñer o tellado de láminas de panel sandwich, así como o falso teito, os paneis das paredes xunto co papel pintado, a instalación eléctrica, o aire acondicionado e tamén as portas interiores, que quedaran inservibles tralo temporal de 2017. Como destacou Santos Héctor "non só parece que se reparou, senón que quedou mellor".

En canto ás pavimentacións, cun investimento de 244.394 euros, estendéronse por 19 pistas nos lugares de Casa do Monte de Bustelo, Cotarelo, Montserrat, Moneixas, Gondoriz Grande-Vilatuxe, Granxa de Madriñán, O Espiño ao Polígono Lalín 2000, Maceira ata o límite de Pedroso, rampla do camiño de Rodelas, Lagazós-Alfonselle, rúa do Chorón, arranxo do último tramo da rúa D, entronque coa pista de concentración co núcleo de Carrio e as pistas do campo de fútbol de Cercio, a de Cangas a Cancelas, a de Castro de Arriba, de Saborida e, finalmente, a pista de Barciela. Cada un deles, en función da súa tipoloxía foi pavimentado en formigón ou asfaltado e, en tódolos casos, recolocáronse as tapas de rexistros e de embornais para a recollida de pluviais.

Fotos