Noticias

A Deputación financia en Salceda de Caselas a mellora das instalacións deportivas de Penedo e a rehabilitación da antiga casa escola da Venda Nova

As dúas achegas provinciais suman 190.ooo euros con cargo ao Plan Concellos


06 marzo 2019
Plan Concellos 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación pola Xunta de Goberno de dous investimentos por un valor de 187.239,79 euros para Salceda de Caselas con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 126.262,14 euros cos que a vila poderá financiar a mellora das instalacións deportivas municipais de Penedo Redondo (Fase I), e outros 60.977,65 euros para a rehabilitación integral da antiga casa-escola da Venda Nova (Fase I).

Máis polo miúdo, ampliaranse as actuais instalacións deportivas, incorporando unha sala polivalente con vestiario incorporado (para xogadores e corpo técnico), unha cantina con aseos accesibles e almacén e unha pérgola. As fases posteriores comprenden a execución de novos aseos de uso público, a reforma de dous dos vestiarios existentes e a mellora da envolvente do conxunto. A superficie total construída é de 185,60 metros cadrados.

Por outra banda tamén se vai realizar a rehabilitación integral da antiga casa-escola da Venda Nova para a súa posta en valor e utilización como centro de dinamización socio-cultural. Para isto, procederase coa modificación da distribución interior da escola, en concreto, o novo programa inclúe dúas aulas, dous despachos, unha entrada, unha sala de espera e dous aseos. As obras contemplan traballos de demolición, estrutura, cuberta, carpintería exterior e conexión de saneamento e fontanería. A superficie total construída é de 178,33 metros cadrados.